O CORPUS é para os cristiáns o «día da eucaristía» e «o día do amor fraterno». Dúas facetas da mesma realidade, como repetín nas numerosas ocasións que o teño celebrado e noutras moitas máis. Por iso, se os evanxeos sinópticos salientan na derradeira cea de Xesús o xesto de Xesús co pan-corpo e viño-sangue entregado e comido, o evanxeo de Xoán salienta o amoroso xesto de Xesús lavándolles os pés aos discípulos. Se a participación na eucaristía non leva ao amor real, é unha farsa; máis aínda, unha blasfemia máis grave que o feito de cumprir ou non as normas litúrxicas. As misas de Corpus adoitan ser expresivas verbo dunha maneira ou outra de vivir a fe cristiá. Por iso, no pasado domingo de Corpus salientaron, por unha banda, misas como as dos cardeais Rouco e Cañizares, en Madrid e Toledo respectivamente, e pola outra, misas en parroquias populares como a da parroquia de San Carlos Borromeo en Entrevías, uns días antes. Seica Rouco arremeteu na súa contra esta última e os seus curas polos presuntos «abusos e profanación» da eucaristía, ao celebrar sen roupa litúrxica e con pan normal; ao que contestaron os de Entrevías que non se sentían aludidos na acusación de «profanación», pois tamén eles cren no valor da eucaristía e respéctana, aínda que non a fagan de todo coma el. E Cañizares parece que aproveitou a homilía para criticar á sociedade española e ó Goberno socialista, exhortando á «unidade inquebrantable» da Igrexa, reaccionando «ante os ataques que sofre» cada día. Alén da eucaristía, o Corpus é o día da caridade-amor entregado aos irmáns que menos poden, e a organización cristiá Cáritas tenta facer isto realidade, de maneira concreta, a pesar dos seus fallos. O seu lema este ano era ben expresivo: «Os dereitos humanos son universais, as oportunidades deberían selo». A axuda e a defensa da dignidade de cada persoa é un deber tan grave dos cristiáns, que, se van ser xulgados nun xuízo final, ha ser por iso máis que por ter ido a tal ou cal misa (Mateo 25).