IMAXINEN o xurado do Premio Príncipe de Asturias escoitando cantar a Bob Dylan. Por máis que miro as fotos, non os vexo a tope con Like a Rolling Stone borrachos e dicindo «paaaz». Despois, a prensa repetiu ata a saciedade iso de que é faro dunha xeración que quixo cambiar o mundo (á miña xeración iso dálle risa). ¡Ai! Os rockeiros irrompen nos sisudos ámbitos dos académicos que nunca romperon un prato... Debe ser que lles chegou a hora de expiar culpas porque non lle deron feito a Franco a revolución que Dylan cantou. Nos foros de Internet hai polémica. Xuntar rock e arte non gusta a todos, porque a arte, din, é cousa elevada. Si, é certo que Dylan hoxe sona rancio, igual que os xurados e igual que estes premios rimbombantes. E quizais esa estética cutre do rock non lle acae ás cousas elevadas, pero ¿ninguén pensou niso o ano pasado cando lle deron o mesmo premio a Almodóvar, ese que fixo a obra de arte Kika? Tralo debate, está a preocupación de sempre: ¿qué é arte? ¿Iso, que era? ¿É arte, por exemplo, a cociña de Ferran Adrià? Cando o convidaron á Documenta de Kassel, dicían que un cociñeiro non podía estar entre artistas «de verdade», pero aí foi el ensinar que os cociñeiros son artistas, coma os outros, cando saben facerse valer poñéndose repugnantes e, sobre todo, cando poden: vai alí, e, tras un ano «pensando», dilles que, para aprezarlle as comiditas, vaian ao Bulli. ¡Si señor! Arte é o que pagan os que comen no Bulli, igual que os que compran Mirós para penduralos no baño. A miña parte rebelde dime que Dylan é un traidor por aceptar o premio e que o rock xa non é o que era por querer ser arte. Pero a miña parte acomodada dime que me alede de ser literata, porque os escritores sempre aceptamos encantados os premios que nos dan. Aínda así, eu quixera ser Bob Dylan.