Acoso escolar

OPINIÓN

CADA pouco tempo, un caso concreto dun neno ou dunha nena que sufre abusos por parte dos compañeiros de colexio ven remover un vello problema que parece de difícil solución. O que resulta para min máis estraño é que case todo o mundo ten padecido esa praga dunha maneira ou doutra, como vítima ou como testemuña, unhas veces impotente e outras cómplice do que estaba a pasar. E, malia a experiencia, chegado o caso, non sabe ou non quere denunciar aos culpables e defender a quen padecen o abuso. Con frecuencia, profesores e directores dos centros non se decatan, ou minusvaloran feitos que son unha verdadeira tortura física e moral. Quizá pretenden defender os intereses do centro, pero é unha mala táctica. Que sexan persoas alleas ao ensino quen descobren e denuncian o abuso di moi pouco a favor dos que deberían exercer a autoridade e protexer aos alumnos. Hai tamén unha tendencia a culpar á vítima. Actitude semellante á daquel xuíz que culpaba á rapaza violada por levar minifalda e ir provocando. As vítimas de acoso intúen o rexeitamento, por iso calan durante tanto tempo. Fan tímidos intentos que resultan falidos e a partir dese momento fican soas co problema. É cuestión de carácter, hai quen nace para martelo e quen nace para zafra e leva todos os golpes. Pero é tamén cuestión de circunstancias que predispoñen a actitudes de debilidade ante os ataques. A adolescencia é un deses momentos. E hai que engadir que, se denuncian, convértense en «acusicas», son mal vistos polos demais compañeiros, que pensan que os problemas hai que resolvelos ao marxe de pais e de autoridades académicas. Unha canella sen saída que nalgún caso acaba no suicidio. Que os compañeiros da vítima non lle axuden é triste, pero son novos e o erro compréndese. O que non ten perdón e a actitude de desleixo ou a denegación de axuda por parte da dirección e do profesorado do centro. A inspección debería castigar con severidade estes casos. Así estarían máis atentos ante posibles abusos.