A riqueza da lingua

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A CONSELLERÍA de Educación da Xunta de Galicia vén de anunciar un paso importante cara á normalización do ensino do galego no sistema escolar pre-universitario, dende a escola inicial ao bacharelato. Tal como no seu momento acordaron por unanimidade os grupos políticos representados na Cámara (e a cuestión da unanimidade non é banal), o decreto desenvolve o Plan de Normalización Lingüística do 2004. Trátase, en definitiva, de avanzar no cumprimento dun mandato estatutario (do Estatuto de Autonomía de Galicia) e, por extensión, dun mandato constitucional: a capacitación real (non retórica) da poboación galega para dispoñer libremente do uso das dúas linguas oficiais da comunidade autónoma: galego e castelán. Pasaron máis de vinte anos dende a Lei de Normalización Lingüística de 1983, tamén aprobada por unanimidade na Cámara, e que presentaba os mesmos obxectivos: capacitación nas dúas linguas. A súa posta en práctica durante estas dúas décadas, non obstante, resultou decididamente insuficiente. Non tanto no plano teórico coma no práctico. O alumnado sae do proceso educativo con certas capacidades formais, nalgúns casos mesmo con capacidades obxectivas, pero na práctica o uso da lingua entre a poboación máis nova, que é a garantía de futuro, non avanza. Ou non avanza como cabía agardar. Velaí os estudos que periodicamente se presentan. Cómpre engadir tamén, porque a autocrítica é importante, que o ensino da lingua deu en converterse demasiadas veces nunha cuestión mecánica, cando non burocratizada, sen motivacións, sen entusiasmo. A motivación, a dedicación dos profesores, a técnica pedagóxica e o entusiasmo son fundamentais. Para o ensino do galego e para o ensino de calquera outra materia: as matemáticas, a química, o inglés ou o castelán. Só que no caso do galego, polos prexuízos dominantes, nótase máis. ¿Para que serve o idioma? ¿Para que tanto esforzo? Son preguntas que aínda escoitamos os que, paradoxalmente, non puidemos no seu día escolarizar aos nosos fillos (galegofalantes) na súa lingua e tivemos que facer dende as familias un esforzo complementario para mantela viva. Falo de fillos xa escolarizados dentro do modelo que comentamos. A normalización do galego, quero dicir: o seu uso normal na sociedade (sen imposicións, mais tampouco sen discriminacións) é un proceso que transcende das aulas, aínda que un dos seus piares estea no sistema educativo. Se a sociedade no seu conxunto, moi fundamentalmente a sociedade civil, non participa e non se compromete no seu uso e no seu recoñecemento, coma un valor, coma un activo social, coma unha riqueza obxectiva (mesmo económica), calquera planificación sectorial que se faga, está chamada ao fracaso. Velaí o compromiso das actuacións políticas e administrativas, que deben ir máis alá. As aulas son un territorio de actuación necesario, pero non único. Mal asunto se non o vemos así.