«IRLANDESIZACIÓN» é un termo usado polos sociolingüistas hai ben tempo (véxanse artigos ao respecto na hemeroteca de La Voz desde trinta anos atrás) para nomear un proceso de perda da fala «inferior» nun sistema diglósico. Nel os pais esfórzanse por que os fillos adquiran a lingua «superior» sen lles importar que esquezan a propia. Cando hai semanas -coincidindo o Día Mundial das Telecomunicacións co das Letras Galegas- se tratou de Galicia fronte a Irlanda, algún retranqueiro dixo que a única coincidencia destes países célticos está na teima por mataren a lingua patrimonial, alá o gaélico e aquí o galego. Tamén algún solemne, levado polo seu complexo de inferioridade, chegou a loar o suicidio lingüístico irlandés polo feito de que os fillos de Eire fosen colonizados en inglés, a lingua máis superior , a que supera en superioridade ao superior castelán... Quen coñeza algo da Irlanda sabe que non hai tanto por envexar, salvo a -recentísima- capacidade empresarial dos irlandeses e a confianza que mostran en si mesmos ao teren fillos. Non é pouco, pero non se debe esquecer a moita tristura dun país sen viño (hai pouco que o empezaron a catar e considerar), dun pobo que se sabe traidor a si mesmo (e quere meter en Bruxelas o gaélico como se existise) e se considera gringo na Iberoamérica onde os galegos son galegos naturalmente. Non é o mesmo ser só monolingüe en inglés que capaz de falar galego, poder falar doadamente portugués e dominar o castelán: o inglés sempre se pode aprender.