Tempo de concordancias

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

01 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

VOLVEMOS ás categorías gramaticais: substantivos e adxectivos, tal que comentabamos na noite do pasado día 27 cos primeiros resultados electorais enriba das mesas. Os substantivos establecen o concepto básico e os adxectivos incorporan o cualificación, que ás veces é tan determinante. Como na vida mesma. Revisadas as contas, case oito días despois, confírmase o que daquela se advertía: o PP pode presumir de ser a lista máis votada en moitos municipios e cidades de Galicia, a súa significación social é unha realidade obxectiva, mais en principio o goberno aparece virado decididamente cara á política de pactos. Tal é a decisión das urnas. Por primeira vez na historia deste país, a dereita é desprazada da xestión dunha grande parte da política local, sobre todo da máis cualificada. Se os pactos postelectorais que se anuncian se confirman, vai resultar que nada menos que arredor do 80 % da poboación galega será administrada nos próximos catro anos pola conxunción (ou concordancia) de socialistas e nacionalistas, algo que xa se empezou a apuntar nas pasadas eleccións autonómicas. O vello tópico da Galicia conservadora queda superado por unha nova realidade política que, en certa maneira, é xeracional (homes e mulleres formados na saída do franquismo), mais que a moitos nos gustaría pensar que cerra tamén un ciclo. O vello modelo paternalista (proteccionista), no que o elector vota sobre todo continuidade e seguridade, dá paso a un modelo no que o cidadán, máis seguro de si mesmo e máis informado, tamén máis novo en idade, parece decidido a asumir a necesidade dun cambio, incluído o risco que ese cambio representa. Menos seguridade e máis liberdade. Para avanzar. Para transformar a realidade. Non para ficar parados, nin para repetir o mesmo. A Galicia política referénciase sobre dous polos: o que representa o Partido Popular, nalgúns ámbitos demasiado pegados aínda aos modelos do antigo réxime (obrigado a asumir a súa propia transición xeracional) e outro polo que se configura sobre dúas culturas ou dous xeitos de ver o país e de entender a política, dous xeitos que veñen de atrás e que, aínda sendo en grande medida complementarios, compiten tamén entre si, o que pode producir, chegado o caso, non poucos chispazos. ¿Que hai chispazos en todas as organizacións (e nas familias)? Certo. Pero aquí nótanse máis. A anterior desconcordancia en Vigo, por exemplo, onde PSdeG e BNG entregaron o goberno municipal ao PP por incapacidade para xestionar xuntos a primeira cidade de Galicia, é unha referencia que os electores todos teñen moi presente. Xa poden agradecer os partidos aos seus votantes que teimasen na mesma, logo do queimados que saíron daquela. Deprender dos erros despexa o camiño cara á sabedoría. Repetilos, ou non querer velos, abofé que sería pasaporte seguro cara ao suicidio.