| O |
28 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.NA MIÑA xuventude había praias con princesa. Despois cantounas o bardo: ás princesas, non ás praias: «Ahora es demasiado tarde», afirma Sabina. Utilizo a mesma letra para o Partido Popular e o Bloque. O primeiro debe rectificar e ser capaz de seducir aos nacionalistas, do mesmo modo que antano cos cataláns. De non ser así, Alberto Núñez Feijoo non tocará a presidencia da Xunta. Porque o Pesoe está crecido, porque ten un líder tranquilo que lle gusta á xente galega (tranquila como Touriño) e, finalmente, porque ahora non funcionará en Galicia a fórmula que pode funcionar (aínda que eu non o creo) no Estado: Pepé contra todos. O Bloque tamén debe reflexionar porque os seus resultados incitan á meditación intelixente: ten máis poder pero non avanza en votos, a pesar de tocar goberno autonómico. Nas cidades o castigo sufrido foi inmenso. No rural crece. É dicir: aumenta onde a poboación está envellecida e non é refrendado polos novos votantes. Mala cousa para o futuro. Pasou o nacionalismo galego dun discurso intelectual e rebelde a un discurso rural. Rural non é antónimo de intelectual, evidentemente, pero é outra cousa. Os mozos non votan os pasodobres de Quintana nas xuntanzas de maiores e precisan outros modos políticos. O Bloque debe reflexionar máis que ningún outro partido galego. Repensar o porvir para non ser laminado e abducido polos socialistas. Non se pode pasar, en dous anos, de citar a Sartre a citar a Óscar Pereiro. Digo dende hai tempo que algo non funciona na estratexia do Bloque. A conquista da terceira idade pode facerse simulando a Fraga, pero ao resto da cidadanía hai que conquistala con outro estilo. Bloque e Pepé deben rectificar para non escoitar a canción. Esa que afirma: «Ahora es demasiado tarde». Demasiado tarde, princesa.