Substantivos e adxectivos

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

27 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

TAMÉN en política son importantes as categorías gramaticais. Substantivos e adxectivos. Logo, está o verbo, que é o programa, a acción, o impulso que move a máquina. Pero os substantivos e os adxectivos configuran a fotografía sobre a que inicialmente debuxamos (e percibimos) a realidade. O substantivo establece o concepto básico. O adxectivo introduce o matiz, tan importante ás veces, tan decisivo. Unha primeira ollada sobre os resultados da noite electoral confirma esta realidade, que xa se viña deseñando en convocatorias anteriores e mais no propio goberno da Xunta de Galicia. A realidade política galega é unha trepia, coma nas vellas lareiras do país: constrúese sobre tres pés, non necesariamente idénticos, flutuantes segundo as datas e as circunstancias, pero bastante máis estables do que parece. Por unha banda, o Partido Popular, que arrastra a vella tradición da dereita e que poderiamos cuantificar arredor do 40% do corpo social aproximadamente. Por outra banda, os socialistas do PSdeG-PSOE, máis ou menos á par do anterior. A terceira pata da trepia é o BNG, que vén representando á volta dun 20% da sociedade (hoxe con certas dificultades para seguir subindo). Sobre estes tres pés sostense o banco da vida política galega. Da súa combinación táctica, da capacidade de pacto e de conveniencia (tamén de convivencia) que se logre en cada caso depende o goberno que nos próximos días se configure nos concellos e nas deputacións provinciais. No momento de redactar estas liñas, coa urxencia de cerre de edición, non podemos conxecturar aínda a posible ou previsible composición das deputacións provinciais, a outra gran batalla democrática desta noite. Pero se o Partido Popular perde a posibilidade de goberno dalgunha delas (Lugo e Pontevedra sobre todo) veremos que, por primeira vez na historia deste país, as forzas da dereita quedan fóra de calquera opción de goberno local e, posiblemente, moi tocadas no goberno provincial. Pasará o día, pasará a romaría, pasarán os discursos da noite do reconto de votos (onde todos parece que case sempre gañan ou polo menos teñen que dicir que gañan), mais se a cuestión que se dilucida é o poder, a composición política do poder, o horizonte para o Partido Popular, por máis que se queiran mover arriba ou abaixo porcentaxes ou cifras absolutas, preséntase difícil. As grandes cidades galegas, sobre as que se constrúe o espazo político dos próximos catro anos, son gobernos de pacto. Tal é o discurso que decidiron os electores. Outra cousa son as concordancias entre adxectivos e substantivos.