¿E se foi san Antonio?

OPINIÓN

NUNHA ocasión díxome Freixanes que el opinaba que os columnistas de xornais non debían escribir sobre asuntos persoais. Eu repliquei que se Larra tivese pensado así non disfrutaríamos hoxe dos seus artigos literarios. E, ademais , como dixo Víctor Hugo: «Cando vos falo de min, fálovos de vos». Todo isto para xustificar o que lles vou contar. Na miña casa familiar, cando se perdía algo, rezábase o responso de san Antonio. Miña nai e miña avoa eran dabondo anticlericais e non moi rezadoras, pero a relación entre responso e obxecto atopado era tan repetida e contundente que ninguén a puxo endexamais en cuestión. Eu vivín toda a miña nenez co convencemento de que a intervención do santo era infalible. Xa na universidade, avergoñábame daquela crenza, que consideraba unha superstición. O certo é que cando me fartaba de buscar as chaves ou as gafas, dicía o responso -xa non rezaba- e o obxecto aparecía. Cheguei á conclusión de que aquelas palabras activaban o meu cerebro por algún escuro mecanismo psicobiolóxico e a memoria, así reforzada, levábame a atopar o perdido. Esta mañá fun buscar o cable que permite descargar as fotos dende a máquina ao ordenador, e non o atopei. ¡Vaia lea! Dúas horas estiven revisando os posibles escondrixos. Cansa e deprimida, pensei: «¿E se probase co responso?». Pero as palabras borráranse da miña memoria despois de tantos anos. Con esforzo lembreime dalgunhas: «Si buscas milagros, mira... el mar sosiega su ira, redímense encarcelados, miembros y bienes perdidos recobran mozos y ancianos...». Repetinas varias veces coa mesma sensación que experimento cando canturrexo as cancións que miña nai cantaba: a de penetrar nun mundo que só existe xa dentro de min. E de súpeto pensei que debía volver a ollar nun caixón onde xa mirara varias veces. E nada máis abrilo, ¡alí estaba o cable! Sen dúbida, o responso activoume a vista, ademais da mente, pero ¿e se foi san Antonio?...