O DOMINGO os franceses volveron demostrar o seu amor pola democracia cunha votación masiva para elixir un novo presidente. Francia é un país que dubida dende comezo de século entre a necesidade de evolucionar, imposta pola globalización, e o amor ao seu modelo de Estado, un exemplo para moitos outros, un Estado-nación excesivamente ríxido, unitario e uniformador, moi centralizado, dirixido por castas de eficientes altos funcionarios que fornecen de líderes á clase política: Giscard, Chirac, Jospin, Fabius, Villepin¿ e a propia Ségolène Royal. Un Estado que chega a todos os currunchos do país e intervén moito na economía. Un factor clave para a definición dos indecisos, que receaban de votar a un político agresivo e ambicioso como Nicolas Sarkozy, foi a evolución recente de Alemaña, para onde sempre ollan os nosos veciños. A Alemaña de Angela Merkel ten amosado en ano e medio capacidade de cambio na liña que propón Sarkozy: reducir o peso económico do Estado e liberar espazos para o sector privado, dándolle máis flexibilidade ao país para se adapte aos desafíos dun mundo máis aberto e interdependente. Neste tempo, Alemaña ten reducido o desemprego nun millón de persoas e crece un punto porcentual por riba de Francia, mentres se consolida como o primeiro exportador mundial. Agochada dentro da elección francesa había unha batalla entre mulleres: Angela Merkel, a primeira que chega ao cumio do poder en Alemaña, e Ségolène Royal, que podía ter sido a primeira presidenta da historia de Francia. O éxito de Angela foi decisivo para que Sarko derrotara a Sego . A Ségolène Royal quédalle a difícil tarefa de intentar modernizar e unificar aos socialistas, en unión do seu compañeiro François Hollande, secretario xeral do partido, dende posicións menos retóricas das que lle impediron dar unha mensaxe clara ao electorado. Non vai ser doado, porque son moitos os anos de divisións e enfrontamentos entre persoeiros que non queren renunciar ás súas ambicións. Sarkozy e Merkel teñen un obxectivo común non menos difícil: reconstruíren o eixo franco-alemán para darlle pulo ao proxecto europeo, agora máis diverso e complexo. Para iso contan co gran peso dos seus países e con algunhas ideas importantes que ambos comparten, como é a necesidade de fixar máis aquí do Bósforo as fronteiras de Europa polo Leste.