HAI unha cousa na que Fraga foi pioneiro, á parte do baño de masas (as súas, na praia de Palomares). Foi na política de prezos. E por política de prezos non me refiro a controlalos, senón a facer política con eles. Aquela sesión parlamentaria na que Fraga nos ilustrou acerca do prezo dos garavanzos pasou á historia como o primeiro gran episodio de demagoxia gastronómica. Nunca dubidei que Fraga comese garavanzos, pero non creo que os comprase. E agora resulta que saberse prezos de memoria volve estar de moda, e de aí rebumbio con Zapatero e o seu xa célebre café de 80 céntimos. Tense escrito moito sobre ese café. Por unha parte hai os que o toman como proba de que Zapatero non está en contacto coa realidade, cando na verdade o que fan é descubrir o seu feroz centralismo (o café só custa máis que iso en Madrid). E por outra parte, como cabería esperar, están os que defenden a resposta do presidente: «É que el pensaba no café que che poñen en León porque é un home sinxelo», din á defensiva. Uns e outros quizais debería tomar tila, en vez de café. ¿É isto realmente o que queremos dun presidente, que se saiba os menús dos bares? ¿Queremos un xestor ou un concursante de El precio justo ? Eu, desde logo, non espero que o presidente viva a mesma vida ca min, abóndame con que a mellore no posible; e poucas cousas me parecen tan ridículas como ese cómico carrusel de candidato en campaña electoral, comprando no mercado e collendo unha pa para botar alcatrán nunha estrada en proxecto. Vale que o político ten que ser, en certo modo, un actor; pero non o rebaixemos á categoría de simple figurante. O resultado é isto: reducir o debate político a unha especie de concurso de televisión no que unha selección de xente que finxe representar ao país (cada un dos que preguntaban tan só se representaba a si mesmo) fai preguntas capciosas a un presidente que finxe ser un máis; e ao final, ser un máis non consiste, polo visto, en falar dos problemas dos demais senón en saberse os prezos das cousas. Eu, desde logo, prefiro que Zapatero fale doutros asuntos, e ver que sabe deles. O café tanto me ten. De feito, e a pesar do nome desta sección, nin sequera o tomo porque me senta mal ao estómago; igual que a maior parte de entrevistas aos políticos.