Monte e horta

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

27 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI LINGUAS europeas que teñen o mesmo termo para «horta» e «xardín». Dentro de pouco, a seguirmos os mandatos de Bruxelas, vanse confundir os termos galegos «monte» e «horta». Se cadra a lei que vén de pasar polo Parlamento Galego xa dá indicacións do camiño a seguir. Mais é camiño longo. Corresponde a un cambio de mentalidade. Desde a capital da Europa Unida márcanse datas e porcentaxes de enerxías alternativas. Polos corredores dos edificios nos que todo se fala con respecto á Unión, dáselle prioridade máxima ao problema da enerxía, que é escasa e debe ser limpa. Malia o quecemento do Globo, Europa seguirá a ser un continente verde en boa parte. Dise que o tal quecemento vai converter zonas temperadas en subtropicais, e os dedos expertos apuntan á Finis Terrae que se chamou Gallaecia. Aquí a masa verde medra de xeito sorprendente; tan sorprendente coma o de queimala verán a verán. ¿E por que se queima? Na fin das contas porque non foi posta en valor; porque, se valese, os donos ben coidarían de que non lle metesen lume... Unha lei (a de prevención dos incendios forestais). Todo o mundo en garda contra as lapas destrutoras de bens e vidas. Pero aínda falta moito por ordenar e experimentar. Falta que se entenda cómo o monte cultivado pode ser fonte de alternativas enerxéticas. Unha esperanza: que se cumpra o mandato de Bruxelas, dando exemplo, conseguindo unha Galicia sempre verde, da que saia, en xustas proporcións, madeira para construción, papel e mobiliario; madeira para calor controlado; madeira para combustibles que movan vehículos por terra e mar. O da rúa do Hórreo foi acuse de recibo do que se fala na place Schuman.