VAI VENTO do norte. Baixaron as temperaturas e un pregunta, na súa inocencia, se isto terá algo que ver coa xente que nos manda. Manda en nós. Pero non mandan flores con remite. Con bicos de licor mollándonos o adentro. Vai vento do norte. Un frío canalla cravou navallas, dagas, no diapasón da alma. Os políticos debían reflexionar, pero non reflexionan. Fixeron do poder un auto de fe, e da demagoxia, maldita, un amor de conveniencia. Vostede, coma min, non traga. Algún, si. Pero vostede non traga. Pego unha patada no inicio desta columna para que a razón teña razón de ser. Para que o sentido común sexa común entre todos os sentidos, ou sexa, entre todos os que sentimos que «nos vamos al garete, democracia». Para que non rouben a calma, o sosego, o diálogo tranquilo, o valor da controversia, da pluralidade, da diferenza. Pido, como Blas de Otero, a paz e a palabra. Pido que non me quiten do medio cando pasen as eleccións, estas ou as outras. Pido que non se dinamite esta civilización que empeza a parecer incivilizada. Vai vento do norte. Permíteme que te abrace, cidadán de a pé. Penses como penses. En nome da Fiscalía, en nome dos xuíces que se opoñen á Fiscalía, en nome do Partido Socialista, do Partido Popular. Que te abrace en nome da democracia conquistada por tantos, os que gritaron viva a liberdade e gritan, aínda. Permíteme que mande flores neste país insolente e cínico. E ti, se queres, mándame flores con sabor a primavera. Chegará abril, pese a tanto. Quero camiñar, mirándote, procurando unha causa que outorgue alivio a tanto absurdo. Detesto aos que fan de cada día un suplicio de declaracións, contradeclaracións, censuras (usuras). Os que non nos deixan vivir felices. Vento do norte. Din as predicións que mañá pode empeorar. Vai frío, corazón.