¿A verdadeira tumba de Xesús?

VICTORINO PÉREZ PRIETO

OPINIÓN

UN DOCUMENTAL do cineasta James Cameron ( Titanic ) co título A tumba perdida de Xesús asegura ter atopado nun barrio de Xerusalén (Talpiot) a tumba de Xesús, xunto coa da súa muller María Magdalena e o fillo de ambos, Judah. Segundo Cameron, «rigorosos estudios» (particularmente a inscrición «Xesús, fillo de Xosé») e análises de ADN (¡!), «demostran» que esas sepulturas, descubertas no ano 1980, son as de Xesús e a súa familia. Eu non necesito demasiado lembrar que inscricións como esa foron atopadas moitas veces en tumbas de Xerusalén e ¡ata en Francia!, nin que me soen documentais semellantes (un da BBC hai anos...) e algunha película como The Body , ou outra na que un viaxeiro do tempo ¡chega a gravar en vídeo a Xesús na tumba! Tampouco preciso que o profesor Amos Kloner, arqueólogo oficial do distrito de Xerusalén que supervisou as escavacións da referida tumba, me diga que as afirmacións de Cameron «son unha farsa publicitaria» e «non están baseadas en ningunha proba». El mesmo di que non pretende minar os fundamentos desta fe, senón buscar a «verdade histórica» sen prexuízos. Aínda poñendo en dúbida que tal presuposto sexa a motivación real dun oportunista director de cine con moito morbo, eu non tería ningún problema en que se fixera tal busca da verdade, e creo que a Igrexa se trabucaría se tentara acalar unha investigación científica seria; como cando a bula papal Omnipotens Deus pretendeu asegurar definitivamente que era o Apóstolo quen estaba enterrado en Compostela. Porque a fe cristiá na resurrección de Xesús Cristo non descansa na cuestión de se o sepulcro quedou ou non baleiro despois do terceiro día, e se as súas moléculas «voaron» a un ceo poboado de estrelas e anxos, senón no encontro de Cristo cos seus discípulos; un encontro ben real, pero realizado desde a fe. Aínda que se atoparan os ósos de Xesús -cousa ben improbable- a teoloxía cristiá actual seguiría afirmando a fe na Resurrección, que non é a reanimación dun cadáver, senón o trunfo definitivo da vida sobre a morte, porque «o Amor é máis forte que a morte».