QUÉ TRAIZOEIRA pode resultar a memoria ás veces. Observo o debuxo da ruta que seguiu o mercante Ostedijk , e penso que o seu baile é moi similar ao que lle deron ao Prestige no seu tempo. Por sorte, non ten nada que ver un co outro; se o mercante fose un petroleiro... onde estaría xa a marea negra. Non obstante, os nubeiros provocados pola emisión dos gases faime lembrar de novo un acontecemento, sucedido nun Nadal de hai dez anos, cando encallou o buque panameño Cason . Este tocárame vivilo de preto. ¡Que vulnerables son os rapaces! Como era pequena, no seu momento non dei toda a importancia que merecía ao feito de ser evacuados da vila. Fuximos ás toas cos primeiros estoupidos da carga do barco; e aínda hoxe continúa o misterio sobre o contido daqueles bidóns. Agora que estamos de lembranzas, o 23-F é unha data a rememorar cada ano. Sempre me pregunto se eu, de ser unha das que formasen o hemiciclo, sería quen de manter o tipo e permanecer queda no meu asento. O certo é que prefiro rememorar o 24-F, pero o de 1837, ano no que naceu Rosalía de Castro. Ela si soubo facerse co mando, pero este non pola forza, senón por mediación das palabras. Reivindicaba o poder da igualdade e da liberdade de decisión, o poder máis valioso para a muller. Afables palabras para fortes ideas.