A VIDA pasa pero o carnaval permanece. É unha certeza. Eu colecciono entroidos de colores: en camisetas, gorros, pelucas de cor violeta, en amigos que nunca parten. Na miña colección hai de todo pero, especialmente, hai corazóns que derreten alegría. Hai nostalxia e noites que nunca terminaron, incluso cando o sol estaba alto no mediodía. Teño fariña entre os dedos mentres escribo esta columna de martes de entroido. Martes 07. Quero chamalo así porque dende o 23-F os cronólogos, para darlle relevancia ás datas, invítannos a memorizar aconteceres. 11-S, 14-J, 11-M. Quero reivindicar un martes cada ano. Martes de entroido que nos recorda que todo remata, que importa o momento, que sempre hai unha primavera de luz. Eu vexo esa primavera cada martes de entroido nos recantos da madrugada. Quero masticala, como un flan que se desfai entre os dentes. Aloumiñala, bicala, e metela dentro do meu peito rendido. Son demasiadas noites insomnes. Demasiadas copas. Demasiadas ganas de vivir. En carnaval un saca a careta dos días e encóntrase cara a cara consigo mesmo. Por iso eu vexo a primavera, a luz, mentida entre as arañas deste martes. Queda o día e a noite por diante. Esquecer o buque ese que nos quere tronzar o Atlántico noso, digo o noso corazón, outra vez, outra. Esquecer que hai xente cruel que mata. Estradas que matan. Ladróns metidos a políticos en acción inmobiliaria. Esquecer que existen os malos. É martes de entroido. Tómao con ganas. Creo que sempre hai un carnaval que queda prendido no teu adentro e non te solta nunca. É posible que aínda non chegase á túa vida. É posible que hoxe, precisamente, o azar trence a boa fortuna sobre a túa pel. Martes 07, escribe con tinta de gozo cada segundo. A vida pasa pero o carnaval permanece. É unha certeza.