PASAMOS a tempestade de san Valentín, tan hortera, e arribamos por fin á baía do entroido. San Valentín é unha chorrada na que se venden moitas caixas vermellas de Nestlé, moita rosa e moito pintalabios de ficción. Os homes, maioritariamente, compran pintalabios (rosas e caixas vermellas de bombóns) para cambiarlle o rostro ao amor de cada día: pintan os labios do presente para facelo romántico. Un día sen amor é un día perdido, pero un día con tanto amor sanvalentino é unha bobaba. O exceso de ternura cansa, abomina e dá marcha atrás á paixón, que debe chegar tan inesperada como a luz dun carnaval. Iso quería dicir e aínda non o dixera. O entroido é todo brillo. Brillamos tanto que somos por fin sinceros e san Valentín, que é un santo debilucho, vístese de indio sioux e conquista vaso por vaso os corazóns e a carne. Chegados a este trance debo recoñecer que estou ofrecido ao entroido, ou sexa, que me debo a esta celebración pagana (talvez a única celebración que a curia nos legou aos agnósticos). Entre os meus compromisos vocacionais, como ofrecido a san entroido, está o da estimulación social. Digo que vostede que le esta columna debe ser influenciado, dirixido e manipulado por estas palabras arcanas. Elas han de envolverse e revolverse nas súas tripas, na voz, e farán que se disfrace de felicidade. De risa teimuda e permanente. Incluso haberá quen pense que o entroido é máis fermoso que as rosas e que as caixas vermellas de san Valentín. Certo. Chegado a esta altura do partido recoñezo que o entroido é un doce en medio da amargura da actualidade. Terroristas, terrorismo, terror a todas horas. Punto e final. Gocemos da vida, esplendorosamente. Sen a mentira do día dos namorados. Con frenesí, freneticamente. Cada día, no fondo, é un bombón. Suave.