As palabras

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

07 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI TIPOS que teñen en «números rojos» a conta corrente do corazón: fáltalles amor. Deben bicos e abrazos e palabras. Cando miran de fronte, rara vez, parece que unha tempestade arrasa os seus ollos. Se falas con eles semellan tan naturais coma ti. Beben as súas cervexas, contemplan a Champions no televisor, levan os seus nenos á escola... pero sofren unha enfermidade incurable: están cheos de veleno. Levantan a man con frecuencia e, cando non dominan a cólera, arrancan de navalla ou arma similar. A escueta terminoloxía contemporánea denomina a estes individuos de modo impreciso: maltratadores. Non me gusta tal concreción. Maltratador non é un sintagma exacto. Coñezo mulleres víctimas destes machotes que ocultan feridas eternas, que non marchan. Víctimas que dixeron «si quero» mentres o representante da curia afirmaba que aquel era un amor para toda a vida. En Galicia caeu esta semana a primeira muller por culpa dos malos tratos . Qué vocabulario tan escaso. Acaba de morrer unha muller por culpa do veleno. Ese veleno para o que non existe antídoto nin penitencia. Veleno que crece porque esta sociedade segue a ser o espello da incivilidade, da violencia canalla, da crispación e da ira. Mentres as autoridades gastan a pasta para educar en valores, convivencia, equidade... algúns políticos e algúns comentaristas facinerosos fixeron do odio unha bandeira. Ao que matou a súa parella en Meaño metérono no cárcere pero non van arrancarlle o veleno. O veleno permanece. Circula dun ou doutro modo (latente ou patente) por esta España en «números rojos». España torpe e inconsciente que esperta en gris cada vez que alguén insulta, apalea, mata: cando vence o odio. Morreu a primeira muller en Galicia víctima do seu marido. Falta amor. Faltan as palabras.