O home que alimentaba aos paxaros

OPINIÓN

UN ENFERMEIRO norteamericano recibiu a orde de manter vivo a Sadam Huseín mentres estivese baixo o mando dos Estados Unidos. Agora conta detalles da vida en prisión do ditador, polo que acabou sentindo simpatía. Di que só comía cando lle entregaba a bandexa dos alimentos na man e que se negou a facelo cando lla daban «como a un animal» a través dun portelo ao pé da porta da cela. Di que gardaba parte da comida para alimentar aos paxaros que baixaban ao patio onde lle permitían saír un rato. Alí tamén regaba e coidaba das plantas. E falaba co enfermeiro dos seus fillos e de cómo os arroupaba antes de durmir cando eran pequenos e se ocupaba deles cando estaban enfermos. E, ademais, díxolle que todos os seus actos foran polo ben de Iraq. Por como o conta, é evidente que ao enfermeiro-soldado repugnáballe a súa misión: «Mantelo vivo a toda costa para que puidesen matalo despois». Esta historia recordoume o rapto en Arxentina de Adolf Eichmann, responsable do exterminio de miles de xudeus. O cazanazis Wiesenthal andaba tras el dende dezaseis anos antes. Sospeitaban do individuo que se facía chamar Clement, pero a confirmación tivérona cando o viron aparecer cun ramo de flores para a súa dona no aniversario de voda de Eichmann. Aquel home que organizaba con toda frialdade e eficacia, coma un burócrata, o envío masivo de xudeus aos fornos crematorios, regaláballe flores á súa muller trinta anos despois de casados. Aquel xesto, que lle custou a vida, humanizou ante moita xente ao desapiadado xenocida. O mesmo está a pasar con Sadam. Todo o que se vai sabendo da súa vida en prisión e dos seus derradeiros momentos inclina a balanza do lado da compasión. É moi posible que estivese preparando ante o enfermeiro a imaxe de mártir que quería deixar, e que a dignidade e valentía con que afrontou os insultos no momento da morte formaran parte do seu carácter arrogante. Pero tamén pode ser un exemplo máis de que en todos nós conviven un anxo e un diaño.