A hora racional de España

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

XEÓGRAFOS, mariños e enxeñeiros de telecomunicación -por exemplo- están obrigados a saber do xeoide (o globo azul esmagado nos polos) e dos asuntos relativos á súa rotación encadrada no tempo. Sociólogos e economistas non teñen por que saber tanto de meridianos, lonxitudes e fusos horarios; mais deben coñecer as repercusións de vivirmos axustados ao tempo solar, e das diferenzas de hora entre zonas económicas (fiestras temporais, time windows no idioma de Greenwich). O malo dun debate sobre a hora oficial dun país é a intervención nel de persoas sen coñecementos ao xeito. E aínda peor, en Galicia, que a racionalidade sucumba á tensión entre galeguistas e madrileñeiros agarrados á -falsa- hora de Madrid. Hai moitos pobos asentados en dúas zonas horarias, e todos tenden a minimizar o impacto da necesaria unificación. Logo se ve que, por xeografía e poboación maioritaria, a Galicia lle cómpre ter a mesma hora que Portugal e Irlanda, países soberanos divididos -como a comunidade galega- polo meridiano límite entre os fusos cero e un. Mais é que toda España debería atrasar a hora, pois comparte fuso coa Gran Bretaña e Madrid fica ao oeste de Londres. Se España racionalizase a súa hora oficial, a discusión en Galicia perdería valor; e a fiestra temporal con Portugal sería nula, cando a econometría indica que o comercio Galicia-Portugal se multiplicou por seis desde a caída da fronteira, e aínda por moito máis o número de galegos que mudan de hora a cotío para traballaren alén do Miño.