VIN QUE, a raíz do pasamento de Augusto Pinochet, varios medios facían algo que me pareceu curioso: unha especie de comparativa de ditadores. Igual que se fan comparativas dos prezos do turrón ou compiten os bancos en ofreceren esas porcentaxes cheas de asteriscos e letriñas que pasan correndo polo fondo da pantalla, presentábanse aquí os nomes dos grandes tiranos do século pornográfico por excelencia (XX, xa o di o numeral) coas cifras de mortos que causaran. Hitler, Mao, Stalin, Pol Pot¿ Din que as comparacións son odiosas, pero aquí sobre todo eran odiosos os elementos comparados. E quizais tamén era odiosa a comparación mesma, porque o efecto resultante era o de facer parecer a Pinochet, cos seus entre catro e seis mil mortos, case como un pacifista homeópata, entre xigantes da matanza como Hitler ou Stalin. ¿Son eses catro mil mortos a única medida posible da estatura de Pinochet como ditador? Francamente, creo que non. O que fai horrible un réxime non é unicamente o que ese réxime fai, senón tamén o que pretende facer e o que faría se puidese. E se Pinochet non matou máis non é porque fose un pouquiño demócrata senón porque non necesitou matar máis, e porque Chile é un país pequeno. As intencións, como en calquera delito, contan. Hitler tamén matou menos que Stalin, pero foi porque perdeu a guerra e Stalin a gañou, e tivo as mans libres para seguir cometendo crimes, cada un dos cales non é menor nin maior que cada un dos de Hitler. Mao non matou moita xente de maneira directa, como en cambio fixo Pol Pot, pero os que morreron de fame por culpa da política de Mao foron tantos que no gráfico da poboación mundial hai un impresionante pico cara abaixo nos anos cincuenta. ¿Debemos deducir logo que Pol Pot fose mellor que Mao ou Hitler que Stalin? Por non ser, a masacre nin sequera é unha práctica privativa do totalitarismo e o feito fundacional da democracia moderna, a Revolución francesa, foi sobre todo un inmenso baño de sangue, non só de aristócratas, senón principalmente de xente humilde. Está ben repasar as cifras das vítimas, e atribuír as responsabilidades correspondentes. Pero non, non creo que a barbarie dun réxime se mida tan só polo que lles fixo aos que morreron. Tamén se mide polo que lles fai aos que sobreviven.