«LÚA nova mollada, un mes de tronada», di o refrán, e mais engade: «se a lúa mollada é de outubro, sete meses cubre». Pois nesas estamos, como hai catro ou cinco anos, que empezou a chover polas San Lucas e non parou ata maio. Os vellos do lugar sábeno ben. Pero a auga segue caendo con forza, o toxo inza polo medio dos pinos, o fento de agosto muda en combustible, e do que non fala o refrán, porque daquela non o tiña previsto, é dos cambios na calidade dos tubos nas escorrentías da vía rápida do Salnés, por exemplo, nin da programación ou falta de programación das brigadas do monte, nin das estratexias de desestabilización incendiaria, nin da cobiza descontrolada duns poucos, nin da falta de deseño do crecemento urbanístico, nin da especulación inmobiliaria, nin da ausencia de planificación axeitada de infraestruturas e obras do común... Algo que non podemos atribuír á mala xestión do Goberno bipartito, por certo, senón ás Administracións todas anteriores, moi especialmente de vinte anos a esta parte, e aínda de antes. Velaí esa vista aérea de Vilagarcía, Pontevedra, Vilanova, Moaña, as embocaduras todas do Salnés, Redondela, Caldas de Reis ou a propia ría de Vigo coas mariñas cerradas, os ríos (grandes e pequenos) entullados, os cadoiros naturais desviados (ou atrancados), o cemento a ocupalo todo, gañándolle a man ao mar (aparentemente) e querendo meter o inverno por tubos de 30 centímetros de diámetro. Na baixa de Bertamiráns (Ames), á beira do río Sar, onde a especulación e o crecemento urbanístico levantou no medio das xunqueiras en vinte anos unha vila de 9.000 habitantes, a metade dos garaxes crían ras, e a algúns veciños, malpocados, en inverno véñenlles ao revés as descargas dos retretes, con perdón. A natureza ten leis que a intelixencia do home, cando actúa sobre ela, debe coñecer e respectar. O que non vén nos refráns nin está nas leis da natureza é a cobiza, a improvisación, a ignorancia culpable e mais esta falta absoluta de visión de futuro que, no fondo, non é máis ca un anuncio de posibles calamidades maiores. Velaí a Amazonia. Velaí o buraco de ozono na Antártida. Velaí a desertización dunha parte cada vez maior do planeta. ¡Cando dispoñemos da máis requintada tecnoloxía e dos máis aquelados coñecementos para lle facer fronte! Respecto do diluvio universal, confiemos na promesa que o Señor Tododeroso lle fixo a Noé de que non se habería de volver repetir, porque méritos para unha nova facemos abondo.