Unha de apertas

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

11 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CRISTINA López, a galega que traballou para Berezovsky, non estaba infectada polo polonio. Os resultados das análises foron negativos. Seguro que non cambiaría a aperta desta celebración por ningunha cousa, nin sequera dar a nova polo móbil tería comparación. Non hai dúbida. Sen embargo, non sei de ninguén adicto ás apertas, e si ao uso dos teléfonos móbiles. Nos hospitais de Galicia xa se están a tratar os primeiros casos. Cada aperta que dou é distinta, porque cada unha ten o seu propio significado. Aperto á familia, aos amigos, aos compañeiros... a quen quero falarlle sen palabras. Gústanme as apertas pequenas dos cativos e as apertas cargadas de experiencia dos maiores. Unha vez preguntáronme se non me gustaría ser máis alta. Respondín que estaba ben ser miúda porque así, cando alguén me apertaba, sentía a aperta completa; é ben doado abranguerme entre os brazos. No Nadal, os anuncios da televisión xa nos invaden, animándonos a investir os aforros do ano en agasallos para esta época. Neles, as apertas aparecen por tódolos lados, sensibilizándonos. Nestas festividades difícil vai ser que alguén lle pida ás súas maxestades unha aperta. Nalgunhas cidades, xa as están agasallando polas rúas, anunciándoas con carteis, pero como son de balde, non se valoran. Nunca é tarde nin cedo para comezar a escribir a carta aos Reis Magos. Eu pídolles a aperta do reencontro cos amigos, a dos mellores desexos; as apertas que non falan pero din que senten e queren. Por pedir, pido a aperta da fin das catástrofes naturais e do remate do terrorismo. A aperta da cura do cancro e a desaparición da fame. A «aperta» de Rajoy e Zapatero para poñer en acordo certos asuntos de paz, porque as palabras só teñen valor cando se traducen en obras.