A campaña de tráfico

OPINIÓN

09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NO ANUNCIO da nova campaña de tráfico, unha familia está a punto de saír de viaxe. A dona chama aos pais para dicirlles que tardarán unhas tres horas, que, como ben saben, a Pedro -o marido- dálle igual que chova ou que sexa de noite, el ¡a correr!, e remata dicíndolles que, se non chegan, que saiban que foron uns pais e uns avós marabillosos. Os asesores de tráfico non andan moi fortes nin de literatura nin, na miña opinión, de psicoloxía, porque, tal como está feito o anuncio, resulta melodramático e temo que inútil. A unha muller, que ademais é nai, pode que, se está nerviosa ou irritada, se lle escape un comentario sobre a maneira de conducir do seu home, pero non deixa aos pais preocupados innecesariamente con esa despedida folletinesca: «E se non chegamos...». Imaxinemos por un intre a escena cun personaxe masculino que chama aos pais e lles di: «Chegaremos axiña porque xa sabedes que Pepita, chova ou neve, voa pola estrada...». O pai ou a nai contestaríanlle: «Es un calzonazos que estás poñendo en perigo a toda a familia por deixarlle conducir á tola da túa muller». E todos pensariamos: ben dito. Pero, en xeral, a que corre non é Pepita, senón Pedro, e iso ten mal apaño. A muller do anuncio é unha muller resignada a afrontar o risco de morrer ela e os fillos por manter a paz da familia. E os pais que reciben a mensaxe non lle reprochan a súa submisión. En todo caso, para non crear problemas entre marido e muller, limitaranse a recomendar prudencia, como se dependese dela. Os que corren demasiado non se sentirán afectados polo anuncio. Pensarán ao velo: «Outra histérica, como a miña muller». Están persuadidos de ser mellores que os que respectan os límites de velocidade. Non lles importa o sufrimento que provoca o seu comportamento e seguirán a correr ata que teñan un accidente grave. Á muller hai que dicirlle: non viaxes cun insensato. As vosas vidas valen máis que uns billetes de tren ou de avión.