En Damasco con Cunqueiro

OPINIÓN

05 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

QUEN LLE había de dicir a don Álvaro que nós, os seus lectores e editores, chegariamos ata aquí, a cidade dos califas, da man da súa imaxinación, a súa lingua, a súa fantasía e os seus textos. ¡Quen llo puidese contar agora, alá onde quer que se atope, a el, que nunca en Damasco estivo, pero que a soñou tantas veces! A natureza dos seres humanos, dicía Shakespeare, está feita fundamentalmente de soños. Somos o que soñamos, ou o que imaxinamos. Fisicamente, Cunqueiro nunca estivo na capital dos Omeias, certo, mais algúns dos seus textos, das súas evocacións, dos seus soños literarios habitan estes mundos cunha precisión abraiante e, da súa man, aquí estamos nós, galegos de nación, os seus lectores. O Instituto Cervantes, que dirixe César Antonio Molina (tamén editor de Cunqueiro), inaugurou no corazón de Damasco novas instalacións e a biblioteca que leva o nome do autor de Mondoñedo. Os case 3.000 alumnos que anualmente seguen as actividades desta institución, centrada na difusión da lingua e da cultura española (e que dende a chegada á dirección de Molina vén incorporando asemade as linguas e as culturas españolas todas), teñen en Damasco un anaco de Galicia, tamén da cultura e dos libros galegos, e unha referencia especial a Álvaro Cunqueiro, incluída a tradución do seu Simbad ao árabe, que editou en Casablanca (Marrocos) Larbi el Harti, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Falamos de Cunqueiro e, irremediablemente, falamos de Galicia. Velaquí outra das utilidades obxectivas da literatura e da cultura: deitar pontes entre mundos diversos, abrir portelos de comunicación, acender curiosidades¿ Non se ama o que non se coñece. O Instituto Cervantes de Lyon nomeou hai pouco a súa biblioteca en memoria do poeta Gabriel Aresti, o que significa homenaxear dalgunha maneira a literatura vasca toda. Dende hai uns meses, a biblioteca de Palermo leva o nome de Salvador Espriu e un fondo importante das letras catalás. Damasco, a partir de agora, é un anaco de Galicia e da literatura e a cultura galegas. Politicamente resultou significativa a presenza dalgunhas primeiras autoridades sirias no acto (ministro de Información e viceministro da Presidencia do Goberno) xunto cos embaixadores de Brasil, Venezuela, Arxentina, Cuba e Marrocos, ademais do embaixador e do agregado cultural de España. Pero moito máis emocionante pareceume a aparición dun pequeno grupo de profesionais (médicos case todos) que recordaban os seus anos mozos de estudantes en Compostela, as badaladas nocturnas da Berenguela, as vellas pipas do ribeiro, que don Álvaro dicía que en Santiago experimentan unha segunda e fantástica fervedura, e que preguntaban pola rúa do Franco e polos soportais da praza do Toural coma se acabaran de deixalos onte.