CUMPRÍA que a Historia da Tecnoloxía fose materia obrigatoria nas carreiras técnicas, pois ao longo dos tempo vénse a repetir o feito de que técnicas vellas apoiadas en novos medios produzan solucións brillantes. Velaí o caso dos enxeños voadores máis lixeiros có aire: despois do desastre do Hindenburg (cheo de hidróxeno, perigosamente combustible) hai case setenta anos, os globos de aire quente parecían destinados á diversión; os dirixibles inchados de helio usábanse para a publicidade; e os avións, para voar «de verdade». Mais estamos en tempo de híbridos e volven as técnicas dos dirixibles en mestura coas dos avións. A aviónica hoxe marca un xiro cara ao pasado máis ca pensar no futuro: próbase o «case dirixible» de helio con ás, hélices e temóns. O seu principio é aliviar a máquina voadora da metade do seu peso co impulso do gas máis livián có aire. Propulsores, superficies de sustentación e dispositivos de aterraxe funcionan como os dos avións convencionais. O inerte helio facilita que as aterraxes e os despegues se poidan realizar en pistas moi curtas e pouco máis anchas cás necesarias para un Jumbo. Cargas ata o dobre das do futuro Airbus xigante, velocidades de 200 quilómetros por hora e gasto de combustible moi reducido representan un grande reto para cargueiros aéreos e marítimos. Unha nova etapa para o transporte está a abrirse. Agora as potencias emerxentes desafían a Europa onde todo se inventou. Unha vez máis, o darwinismo tecnolóxico terá a derradeira palabra.