Eleccións planetarias

OPINIÓN

DICÍA Vázquez Montalbán nun artigo dos primeiros anos setenta que os europeos tiñamos case que a obriga de reivindicar o dereito a votar nas eleccións norteamericanas, dada a transcendencia que estas tiñan (e teñen) para todos nós. En realidade, Vázquez Montalbán falaba daquela dos españois, non dos europeos. Eran os días de Nixon e da protesta contra a guerra de Viet-Nam. A ditadura de Franco multou á revista Triunfo por aquel artigo, argumentando que poñía en entredito a soberanía española. Metidos de cabeza na era da globalización, a afirmación segue sendo oportuna. Os cidadáns todos do planeta deberiamos reclamar dereito a voto en tales eleccións. Se é certo que nada sucede no mundo que non nos afecte (non somos illas, dicía o poeta John Done), máis certo é que calquera decisión, mudanza ou cambio de estratexia que se produza na Administración norteamericana, por efecto expansivo, afecta a todos, non digamos ás areas xeográfica, cultural, política ou economicamente máis próximas. Son as marabillas do imperio. Non pensemos só en Iraq, cuestión bastante determinante para entender os sucesos destes días. Pensemos nas actuacións do Fondo Monetario Internacional, por exemplo, na operatividade de foros como a ONU ou a Unesco (literalmente machacada polas Administracións norteamericanas nas últimas décadas), o delicadísimo equilibrio medioambiental, incluídos os modestos pactos de Kyoto, América Latina, as oportunidades para as economías dos países subdesenvolvidos, esa polvoreira permanente que é Oriente Medio, os movementos migratorios, o respecto aos dereitos humanos (principio básico das sociedades democráticas), as políticas internacionais de atención sanitaria, recursos contra a fame e as grandes pandemias, as alianzas europeas, que tamén afectan á viabilidade de construción política dun modelo integrador neste vello continente, os principios da educación¿ E todo sen esquecer a poderosísima maquinaria cultural: cine, televisión, vídeo, noticias, produtos simbólicos de todo tipo que se distribúen a nivel planetario (altamente protexidos) e determinan ou configuran masivamente as condutas, os hábitos e as consciencias. ¿Cómo non sentirnos implicados, comprometidos, moito máis ca interesados polos resultados das eleccións norteamericanas, mesmo que sexan para un gobernador de Minnesota? El non sabe onde estou eu. Pero abofé que a min cada vez me interesa máis saber onde está el. Se por un descoido ou casualidade, bate ao saír de casa pola mañá contra o recanto da porta e se lle dispara a escopeta, non estou nada seguro de que non lle poida custar a vida a alguén dos meus.