Todos os Santos

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

OS QUE se preocupan polo poder que está acadando Estados Unidos neste mundo deberían botarlle un ollo ao outro. Ao outro mundo. Alí está levando a cabo unha ocupación moito máis eficaz que a de Iraq, se ben, polo menos, non tan violenta. Xa viron: o día de Defuntos, que ata non hai tanto era unha xornada de lembranzas, flores e o Tenorio de Zorrilla, é cada vez máis esa mestura hortera de bruxería, artigos de broma e cine gore que se coñece como Halloween . O fenómeno é inevitable: o pequeno comercio vai deixando sitio ás grandes superficies. E o Halloween é máis ou menos iso: unha franquía con central en Boston que vai abrindo sucursais por todo o mundo, mentres que o día de Todos os Santos era o pequeno comercio do Alén. Non estou seguro de que a globalización sexa necesariamente mala para este mundo (para empezar, non estou seguro de que non existise sempre), pero dáme mágoa que se produza no outro. Mais é inevitable, digo, tamén por esa lei non escrita da antropoloxía que di que toda festa tende de maneira natural ao antroido. E o Halloween é o antroido da xeración da televisión, un martes de carnaval infantil no que se celebra o sentimento máis universal que existe, o que une a todos os seres humanos, que fai que nos comprendamos mellor uns aos outros e colaboremos ocasionalmente: o medo. E así andaban os nenos subindo polas casas, disfrazados de auto sacramental, chamando ás portas e pronunciando ameazadoramente as palabras «truco o trato» (porque os defuntos, como dicía Fole, falan castelán). «Truco o trato» é unha pésima tradución do inglés trick or treat . Observei que outros nenos, xa sexa porque fosen mellores filólogos ou porque vían un canal de televisión distinto, dicían, en cambio «miedo o dulces», que é unha tradución algo mellor. Medo ou doces, pensei eu, velaí un claro exemplo de maniqueísmo. Non tiña doces na casa, nin tampouco medo. Tiña mágoa. E entón púxenme a lembrar aos defuntos da familia, un por un.