É VISTO que o PP ten terror a que ZP resolva para sempre o terrorismo vasco. Nada máis lóxico: por unha banda, quedaríase sen discurso político e, por outra, teriamos ZP para moitos anos. Ademais, paréceme que hoxe saben que ZP moi ben podería poñerlle o ramo a obra tan complexa. De aí as incongruencias en que incorre un día si e outro tamén, dende opoñerse no Parlamento Europeo ao diálogo con ETA despois de ter votado a favor das conversacións co IRA, ou votar en favor da realidade nacional de Andalucía despois de nos ter metido medo a todos con que España se rompe. ¿Poden imaxinarse dúas inconsecuencias máis desavidas? En Andalucía corrían o risco de ser o único partido illado na súa resistencia numantina, reducidos á marxinalidade como en Cataluña. Confiemos que calquera día, cando se decate de que tampouco vai gañar nada coa súa histérica actitude fronte a ZP, senón que se vai xogar o todo polo todo, esperte dunha vez do seu sono e se converta nun partido normal de xente normal nun país normal. Optimista que é un.