CHOVE, chove, chove... arreo. A caldeiros. Sen descanso. Chove na costa, no interior, en toda Galicia. Simplemente, chove. Non hai árbores que suxeiten a terra e a auga. As pingas de chuvia non teñen onde resgardarse, e foxen desde os montes ás urbes. Cando logo de que os incendios arrasasen coa vexetación arbórea, os expertos apuntaban o que podía pasar se chegase un outono de fortes chuvias. Xa están sementando o alarmismo, dicíase. E chegaron, marcando o territorio de malas maneiras. Agora non hai botas nin traxes impermeables que poidan coas riadas. Dicía un veciño afectado que miraba o espectáculo a través da fiestra, que entre os colectores do lixo viu pasar un televisor nadando rúa abaixo. Era en color, de vinte e cinco polgadas. ¡Vaia perda! Debía ser a hora do telexornal, porque estaban a dar o parte meteorolóxico. ¡Chuvias dispersas! ¡Anda! Si, que nolo digan agora. Éche coma o conto do náufrago que sobreviviu a un temporal. Salvara a vida por poder agarrarse a un madeiro. Ao volver á costa, portando un anaco do seu barco na man, axítao no aire, con ton ameazante. ¿Conque marejadilla no Cantábrico, non? Isto éche o mesmo. ¿Conque incendios, non? Nada, a esperar a que chova. E logo... lamentacións. E protestas. Que non falten. Ardeu o monte, ¡qué desgraza! Certo, unha desgraza. O peor, sen embargo, estaba por vir, xa o sabiamos. A auga lavaría a terra; mentres, nin limpamos as canles nin tomamos medidas. Sabiamos que corriamos riscos, e pechamos os ollos. Coma quen oe chover.