AS APARENCIAS mediáticas, correlato ás veces do teatro político e dos prexuízos asentados, desvirtúan moitas veces a realidade. Non vou ser eu quen negue o diferente peso político do nacionalismo vasco e catalán respecto do galego no Estado. Non hai só unha historia detrás, senón tamén unha diferenza de representación hoxe. Mais coa mesma énfase considero que moitas veces incorremos en mitificación, atribuíbel a un certo autoodio e a un individualismo desmesurado, á hora de xulgar as prácticas e os resultados que conseguen outros. É un feito, do que apenas é consciente a sociedade, debido ao ruído mediático, que os orzamentos do Estado para o 2007 pasaron a súa primeira proba parlamentar grazas ao voto do PNV, CC, BNG e CHA. Non foi grazas aos votos de CiU, que se abstivo. Para chegar a este final, houbo uns precedentes en que o BNG actuou con autonomía, consciente do seu peso numérico e atento ao contexto político na Galiza e no Estado. Púxose unha meta e expúxoa con clareza ao Goberno e ao PSOE desde o comezo da negociación. Era como se o interese fundamental fose noso. Curiosamente, nun determinado intre, os apuros do Goberno levárono a que negociase e aceitase o que ao inicio consideraba excesivo para dous deputados. Existe no Estado español un interese desmedido en lle atribuír a vascos e cataláns grande capacidade para tiraren réditos do erario público. Nesta ocasión, non foi así. O PNV tirou 70 millóns de euros e o voto favorábel do PSE para os orzamentos en Euskadi. A negociación para o novo cupo nin se pechou nin desapareceron os problemas dos flocos, como recoñeceu na súa intervención o señor Azpiazu, por certo nada triunfalista. CiU fixo unha cabriola política final, que estaba moi premeditada, para continuar a aparecer como alternativa pactista, non coincidente co PP e con capacidade de diálogo co Goberno. O resultado: seguirán estudando conxuntamente cómo aplicar a disposición adicional do Estatut sobre os investimentos do Estado en infraestruturas en Cataluña. Ningunha rectificación neste momento, como moi ben se encargou de subliñar o señor Montilla. O problema da execución do que se programa nos orzamentos está abondo estendido por todo o Estado. En todo caso, temos que dicir que dos 30 millóns de euros conseguidos polo BNG para o 2006, está investido o 80 por cento, xusto as partidas de maior volume (Eixo Atlántico e dinamización agraria). Teremos conta de que se invistan no 2007 estes 60 millóns de agora na súa integridade, alén do resto do orzamento para Galiza. Coñezo moi ben o problema das relacións de Galiza co Estado. Por iso mesmo sei valorar cando conseguimos algo positivo.