Cancún e a seguridade

OPINIÓN

PILAR CANICOBA

A TRISTE historia de Ana María Ríos en Cancún só chegou a nós porque ela é tan obviamente inocente que se converte en noticia. Se se tratase Dun mochilero ou un señor con pasaporte exipcio, poñamos por caso, nin oiríamos falar do asunto. Así que parémonos un momento e pensemos canta xente inocente debe haber nestes momentos nas prisións do mundo. Igual que se nos pide que reflictamos sobre a nosa maneira de conducir cando hai un grave accidente de tráfico, hai aquí tamén unha lección moral que sen embargo ninguén nos anima a extraer: a de que insistir excesivamente na seguridade do Estado pode deixar indefenso ao individuo. Para un político é fácil, despois dun atentado, saír pedindo «medidas máis estritas» para garantir a seguridade de todos. Pero temos que ser conscientes de que esa seguridade de todos ten un prezo, e ese prezo pode ser o da seguridade de cada un. O fácil é dar aos bancos a orde de que bloqueen as contas sospeitosas, o difícil e logo que te borren dunha lista negra porque unha vez mandaches cen euros para o terremoto de Paquistán e alguén, nunha escura oficina, o confundiu cun donativo aos talibán. É fácil tranquilizar á xente prohibindo que se leven líquidos nun avión. O complicado é logo, cando un ten que entenderse por medio de acenos cun funcionario birmano que lle pide explicacións polo líquido das lentillas. Cóntannos que grazas a estas medidas excepcionais se evitan mortes, e ata pode ser (aínda que tampouco estea tan claro). O que non nos din é que calquera de nós ten cen veces máis probabilidades de estar no caso da pobre Ana María que no dos infelices que morreron no 11-S. Por iso, deberíamos reflectir máis sobre que entendemos por sentirnos seguros. Pero un dos problemas do ser humano é que ten demasiada imaxinación e, igual que cremos que nos pode tocar a lotería, cremos que o perigo que nos axexa son esas historias truculentas que vemos na televisión, cando a realidade é que esas traxedias tócanlle a moi poucos, o mesmo que a lotería. Á maioría, pásannos cousas máis simples pero que poden desfacernos a vida: que un banco nos fai un cargo equivocado, que alguén ten o mesmo nome que nós e comete un delito, ou que nunha viaxe de noivos caemos vítimas da colusión entre a maldade dunha mafia e a obsesión dun xuíz pola seguridade nacional. E desas cousas, estrañamente, non esiximos que nos protexan a penas.