Unha de... ¡outra!

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

ANDABA eu lonxe da terra, apurando as vacacións, mentres o sol me acariñaba as ideas. Pouco podía imaxinar o que lle andaba a acontecer á miña familia. A plena tarde estaban sen luz, sen teléfono e sen poder saír da casa, por mor do medo a ser arrastrados por unha corrente de auga. ¡Outra máis! En Cee chovía a mares. Desbordouse o río e as rúas convertéronse en improvisadas canles para os torrentes que arrastraban pedras e todo o que atopaban ao seu paso. Os rapaces quedaron atrapados nas aulas, sen poder saír. Os coches convertéronse, en submarinos uns e en canoas outros, que aboiaban á deriva, amontoándose uns sobre outros. Desta vez, os accidentes producíanse por non levar piloto a bordo. Os automóbiles espetáronse contra os escaparates e as vidreiras das sucursais bancarias. Ao primeiro, escoitei este relato a través do teléfono móbil por boca dos meus. Logo peguei o nariz ao televisor e vin como a rúa na que vivo semellaba Venecia con temporal; en lugar de góndolas, coches estragados. As imaxes caían sobre o meu corazón como labazadas. Apenas recoñecía a miña vila. Era estarrecedor. Estando fora, aínda que sexa de vacacións, o sentimento de solidariedade non se esquece, diría que medra, porque a distancia imprime unha óptica diferente aos acontecementos. Sénteste máis apegado ás raíces. Eu, que sempre levo a choiva e o mal tempo cando vou de vacacións, arrepentinme de que esta vez fora a primeira no que conseguira deixalos na casa. Oxalá viñera comigo. Oxalá tamén eu fose Balbino, o neno de Memorias dun neno labrego, e atopase unha caixiña no «rebusque», aínda que logo a perdese na enchente do río. Non foi así. O protagonista da novela perdeu un tesouro sen descubrir; a xente de Cee perdeu o seu tesouro. Di Balbino: «Soñei día e noite, para nada». Digo eu: ¡Soños afogados!