Unha de leis

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

A XUNTA decidiu non dar máis prazo para a creación de espazos para fumadores. O día 1 de setembro debería estar todo preparado para cumprir a lei antitabaco. E mentres os hosteleiros se preocupan de pedir prórrogas e aclaración de dúbidas por escrito, eu fago unha reivindicación para unha nova lei: a lei antirronquidos. Si. Leron ben. Os hoteis deberían de habilitar zonas para roncadores . Unha á, unha planta... Non sei, xa se faría o borrador, o anteproxecto de lei. Porque outra opción podería ser a insonorización de certos dormitorios. Unha que viviu de hotel (que non de gorra, ollo) por imperativo de traballo, sabe moito destas sonoridades, non sempre harmónicas. -¡De hotel! Vives como unha raíña! -dicíanme- Nin sequera tes que facer a cama! O que non saben é como senta que logo dunha xornada longa de traballo, méteste na habitación, que por nome ten un número, e logo de ver un programa na televisión ou ler unhas páxinas do libro co que andas entre mans, te decides a entregarte nos brazos de Morfeo, comezas a escoitar unha sinfonía que cada vez se vai facendo máis dona da túa atención, que non deixa de soar, manténdote en vixilia toda a noite. Un amigo regalárame hai moito tempo, uns tapóns de esponxa para estudar. Dicía que el se concentraba aínda que lle estivesen a tirar a casa enriba. ¡Canto me lembrei deles naquel hotel de catro estrelas! E ao día seguinte, cando vas pagar por durmir , asáltache a idea de pedir a folla de reclamacións, co risco de que, ademais, te cualifiquen de intolerante. Na oficina respondes ao teléfono con monosílabos e na obra fregas os ollos unha e outra vez antes de comprobar nada. - É que o tabaco mata. - E o non durmir, mata tamén. - Iso ten fácil amaño. Unhas gotas de Buenas Noches e... Vale. ¡Alá a ministra! Mentres, ¿súmase alguén á demanda?