CAIUCOS e pateras. Os xermanos tamén cruzaban o Rin. Eran os antigos bárbaros. A atracción do primeiro mundo (a sociedade da opulencia) é bastante máis poderosa que calquera atranco que se lles queira poñer. Hoxe igual que hai mil setecentos anos. Están aí: desembarcando. No Oriente Próximo, escenario histórico de todos os maximalismos e de todas as traxedias, a furia continúa practicamente nos mesmos termos, radicalizada se acaso pola efectividade das novas tecnoloxías (tecnoloxías da destrución). Voamos sobre as selvas de Amazonía e o mundo arde polos catro puntos cardinais (non só en Galicia). Cobizada pola gran industria madeireira, o pulmón do planeta desfaise. Son os tempos que nos toca vivir. Moi especialmente que lles vai tocar vivir aos nosos fillos. Non estou seguro de que os esteamos preparando para isto. Nas favelas de Río, nas chabolas de Namibia, nos ranchitos de Caracas, na miseria no Chad ou do Níxer, a través da televisión que nos globaliza, as parabólicas contan o mundo doutra maneira, moi diferente da precariedade e da subsistencia, cando non fame feroz, daqueles territorios: televisión e mercados, gobernados uns e outros polos amos do mundo (tamén hoxe coma onte), que esixen mercado libre para distribuír os seus produtos e impoñen inamovibles as políticas de protección cando se trata de deixar entrar os de fóra. Contan que o presidente dos USA (o pai do actual George Bush) pediulle no seu día ao presidente de México, o seu veciño e amigo, que por favor non lle mandase máis mexicanos cruzando o río Grande. O presidente de México (Miguel de Lamadrid) respondeulle: «Déixame logo que che envíe tomates¿». As sociedades da riqueza defenden o seu estatus, cada vez con máis cinismo, e non hai foro internacional que arbitre o desastre. ¿Son os tempos? Serán. Pero abofé que veñen difíciles. Velaquí os grandes desafíos do século XXI, que non sabemos se a Humanidade, cada vez máis contraditoria consigo mesma, estará disposta a asumir: primeiro, a desfeita progresiva dos recursos naturais (o medio ambiente), acelerada nas últimas décadas polo modelo neoliberal de crecemento (ía dicir neoconservador, mais ¿de que conservación falamos?); segundo, os movementos migratorios, imparables, moi principalmente do Terceiro ao Primeiro Mundo, empuxados pola fame e a desesperación; terceiro, o conflito de culturas, modelos de civilización e identidades, incapaces de establecer espazos de comprensión do outro; cuarto, a globalización, que todo o difunde, por riba de protocolos e fronteiras, tamén por riba de fórmulas proteccionistas (algunhas delas necesarias), sen que exista unha orde internacional que sexa quen de deseñar elementais regras de convivencia: de supervivencia, deberiamos dicir, tal como veñen as cousas. E tanto máis triste todo canto que o ser humano, para maior escarnio, dispón hoxe de fórmulas, tecnoloxías, recursos e procedementos máis ca sobrados para facer do planeta, se quixese, un mundo extraordinariamente máis habitable.