23 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MARCHA agosto porque arribas ti, fútbol. Anuncias a chegada de setembro coa súa folla caída, as fichaxes, goles, quinielas, discusións de barra. Mañá mesmo Sevilla e Mío Barça han de competir bravamente para dilucidar o que todos sabemos: que o Barça é un dos mellores equipos do mundo (o mellor, talvez). Despois, liga. E ti, agosto, marchas. Quedas coas túas cancións sen protesta, os mojitos, as caipirinhas e os gintonics baixo a carpa dúctil do mencer. Pero marchas sen nostalxia. Porque setembro todo o normaliza. Esqueceremos os incendios e regresaremos á fermosa rutina de cada día. Chegará a Champions e, trala Champions, a liga. Así sucesivamente. A repetición que nos fai existir como seres optimistas. Iso é o fútbol: un modo de ser menos infelices. Hai fútboles, como o de Diego Tristán, que hoxe son prescindibles. E fútboles como o de Fernando Vázquez, que son fútboles que merecen títulos. Hai presidentes de fútbol como ese que cobra a porcentaxe sobre presuposto (¿pasa iso nalgunha empresa de España ou do mundo?), que por menos de nada planta aos periodistas en plena rúa para que non informen o que teñen que informar: a verdade. Hai fútbol que vén de cañas e fútbol que vén con xamón e viño, que é como a min máis me gusta o fútbol. O circo comeza o espectáculo. Haberá que parar de cando en vez para contemplar ese prodixio que denominan selección. Chegaremos ao Europeo dentro de dous anos como virtuais ganadores. Con Luís e Raúl, ese dúo sacapuntas. Non coñezo ningunha actividade profesional na que o fracaso sexa remunerado coa repetición. Luís, a quen chaman o sabio, perdeu en oitavos de final por non ser sabio e xogar coa defensa a corenta metros da portería (cando ganaba un a cero). Fútbol marabilla. Fútbol que nos trastorna. Fútbol... amore mío.