A DOR ten múltiples xeografías. Algunhas talvez se esquecen, pero é probable que nunca se perdoen. Por tal motivo, mentres as institucións e os políticos poñen cifras de hectáreas sobre a mesa da actualidade, eu, que amo as xeografías, observo o rostro que saíu do pérfido túnel incendiario. Hai vellos que non pronunciarán nunca máis a palabra árbore: arderon aquelas que pertencían aos seus pais, e aos pais dos país, mortos. Hai mulleres, como aquela da portada espléndida de La Voz, que recordarán sempre o momento no que querían entrar na súa casa e a xente prudente, e sensata, agarrou o seu corpo e quixo temperar o seu grito. Hai homes que teñen feridas nos ollos, de mirar cara a cara o horror. Hai gobernantes que durmían no seu despacho e nunca entenderán qué puido fallar cando eles, con vontade e boa fe, tiñan todo previsto para que nada fallase. As xeografías da dor son múltiples, reitero. Ningunha doe tanto como a xeografía triste da infancia. Sosteño, talvez equivocadamente, que o rostro dun país son os seus nenos. Eu vin chorar a moitos estes días de lume e inferno. É probable que os sicarios do horror, os pirómanos, ignoren esta xeografía. Eu, prometo, non podo esquecela. E creo, tampouco poderei perdoar. Nunca.