ESCRIBÍA Alexandre Bóveda, católico practicante, en 1931: «Os problemas de relixión están superados en todos os países cultos e resólvense na intimidade de cada conciencia». A cualificación «países cultos» ben poderiamos substituíla por países modernos, ou cultural e politicamente desenvolvidos, atendendo ao discurso histórico de Occidente, que se configura sobre todo a partir da Revolución francesa de 1789 e, nalgúns casos, mesmo de antes: de cando as guerras de relixión e a distinción entre as razóns de Estado e as razóns de Igrexa na Europa posterior á Reforma. Entro, pois, na polémica que suscitou a postura do BNG respecto da Ofrenda Rexia ao Apóstolo Santiago, tradición que, máis ou menos na súa aparencia actual, cabe remontar a 1643, con Felipe IV, aínda que reactivada moi especialmente durante o franquismo e con inequívocas raiceiras medievais: o poder civil (a monarquía) axeonllado diante do poder relixioso (a Igrexa) para darlle conta das súas actuacións, pedir consello, protección, axuda e, se for do caso, comprensión e clemencia. Resulta certamente pavero, ademais de anacrónico, ver ás nosas autoridades políticas pedíndolle ao santo solucións para o paro, actuacións a prol do tren de alta velocidade, éxitos contra o terrorismo e a paz mundial. E á autoridade eclesiástica (o arcebispo) interpretando a vontade divina e corrixindo as posibles desviacións do oferente. A miña avoa negociaba cos santos segundo lle conviñese. Unhas veces rezaba a San Antonio e outras a San Roque ou ao Sagrado Corazón, que eran os seus preferidos. Aquilo parecía un despacho de avogados. Sempre que escoito a alguén queixarse de Deus, reacciono da mesma maneira: ¿A que vén meter a Deus en asuntos nos que a inmensa maioría das veces nós somos os únicos responsables (incluída a catástrofe da liña de metro de Valencia)? ¿Tan fráxil ou insegura se sente a Igrexa Católica que ten que apelar en España ao aparato coercitivo do Estado (o sistema educativo, por exemplo) para adoutrinar aos seus fieis e non facelo, como tantas outras confesións, na catequese correspondente? A sociedade italiana non é, no seu conxunto, menos católica cá española (ou cá galega), e teno resolto. Outrosí a sociedade francesa, portuguesa, arxentina, mexicana, brasileira, países onde o catolicismo ten unha presenza obxectiva e, non obstante, diferencian claramente o que son asuntos de Deus do que son asuntos do César. Admira ver que, cando noutras cousas parece que camiñamos, cuestións deste tipo se atranquen de semellante maneira. Con máis tempo, sen as urxencias de última hora, tan difíciles de administrar, se cadra pensando no ano que vén, deberiamos empezar a dar cunha solución moderna a un asunto bastante elemental (por persoal e privado): unha solución consonte co contorno histórico ao que pertencemos, que tamén ten as súas raiceiras no cristianismo.