NALGÚN lugar do verán, cando as ondas do mar arrolan as almas, ela camiñaba. Había un sol que se ocultaba, un paraíso na memoria, cristais, lúa, sirenitas. El, como sempre: de bar en bar. Pero era un tipo con orgullo. Porque había cinco mariñeiros do Francisco y Catalina que amosaran o seus corazóns: bos e xenerosos. Sentía orgullo e tamén camiñaba, entre os bares, brindando por eles. Levantando o peito, os ollos, e dando as grazas por ser quen era: galego. Outro galego ganara a gloria a golpe de pedal en medio de Francia, Alpes por Alpes. Chamábase Óscar, como o de Hollywood. Había tamén escritores traducidos a linguas estranxeiras, e modistos que fixeron da moda un símbolo, e armadores que construían os mellores barcos do mundo. Había tipos que se levantaban co sol para facer pan, as bicas que eran bicos, ladrillos, papeis. Outros facían viño que era diamante. Outros amosaban Zara, La Voz, Coren, Caixa Galicia, Caixanova, Pescanova, Rodman... a Sus Majestades. E el sacaba peito. El era galego. Por tal motivo ría cando os outros pretendían confundilo: algúns dicían que os galegos eran entregados, resignados, emigrados. Este país non se entregou nunca: porque permanece a pesar de tantos anos de adversidade. Non se resignou: porque agora gana. Non emigrou para sempre: porque, sempre tamén, regresa. Ela, mentres camiñaba, sentía o orgullo que el sentía. Ela era el. Non tiña máis palabras (porque as palabras sobran). El era ela. Pensando nos seus ollos camiñou a unha praia na que o sol se ocultaba. Sentou. Mirou o mesmo sol que ela miraba. E así, ao lonxe, os dous pousaron un abrazo sobre as ondas do mar. O mar que bicaban os cinco mariñeiros, Óscar, escritores, empresarios, obreiros, armadores, modistos. Era o seu país. Tan lindo. Tan grande... por fin.