Antisemita, non; antisionista, si

| VICTORINO PÉREZ PRIETO |

OPINIÓN

A NOVA ofensiva israelí contra palestinos e libaneses sublévanos á maioría das persoas de ben, sobre todo pola súa ferocidade, máis aló das posturas políticas que se teñan. Ferocidade desmedida a respecto da súa presunta causa. Así o manifestaron a meirande parte dos países occidentais e a mesma Igrexa católica. Cando escribo sobre este conflito, sempre teño que proporme non facelo movido pola ira, que aínda que puidera semellar xustificada ante as imaxes das masacres de inocentes, non é unha virtude, e non debe motivar unha reflexión. Estou co pobo palestino, non porque sexan uns santos e os outros uns demos, senón por ser o máis feble, en armas e en medios de vida. O novo David é agora o das pedras dos palestinos contra o Goliat dos tanques xudeus; logo viñeron os atentados suicidas palestinos contra xente inocente e os bombardeos xudeus contra homes, mulleres e nenos palestinos, tamén inocentes, destruíndo as súas casas e os seus exiguos medios de vida. Unha «espiral de Talión». O presidente Zapatero foi chamado «antisemita» e o Goberno apresurouse a desmentilo, con razón. Eu tampouco toleraría ser cualificado de antisemita, nin antixudeu, pois creo na fraternidade de tódolos seres humanos, mesmo xudeus, palestinos e árabes. Pero si son «antisionista», porque foi o que levou a esta situación. O sionismo tivo unha orixe relixiosa e mesmo mística, como expresión de que o desexo secular dos xudeus de volver ao «fogar de Sión» -a terra prometida da que foran expulsados- era cousa de Deus, a través dun novo Mesías. Despois foi un movemento político no século XIX, pero logo converteuse en terrorista e en poder militar desde mediados do século XX. O sionismo político-militar, como todo poder autoritario, é un cancro que quere acabar cos palestinos, negándolles o dereito a vivir na súa terra, pero farao tamén cos mesmos xudeus de ben que quererían vivir en paz cos seus veciños e irmáns.