Tempo de escornar

OPINIÓN

16 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NUNCA ninguén escornou con tanto éxito como Zinedine Zidane co seu coup de tête enchendo páxinas e páxinas dos xornais. Dicía un personaxe dunha novela de Albert Camus que, cando se faga a historia do noso tempo, concluiríase: fornicaban e lían xornais. Agora, despois de tal éxito, haberá que engadir que nós tamén escornabamos. Pero, como en todo, hainos de primeira, como o escorno de Zidane, e de segunda, pois o mesmo escorno non é igual en calquera caso. E hai moitas maneiras de escornar, e disto saben un pouco Aznar, Acebes, Zaplana, Rodríguez Ibarra ou Alfonso Guerra, entre outros. Nada ilóxico nun país en que o touro é emblemático. Zidane non é deste país, pero, despois do tempo que pasou entre nós, pode que se contaxiase. Mais el non escorna, dá un coup de tête , que é máis fino. ¿Un síntoma máis da degradación intelectual que nos asoballa e que empeza a preocupar ás cabezas máis lúcidas de hoxe? Non porque se escorne, que iso é o que mellor cadra a algúns, senón porque tal cousa poida encher a vida oca de tantos.