«Palabras mayores»

OPINIÓN

16 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NO SÉCULO XVII español existían as chamadas «palabras mayores». Eran só catro, os catro insultos que xustificaban un duelo. Non estou certo, pero creo que eran estas: cabrón, ladrón, covarde e traidor. Terrorista, din que lle dixo Materazzi a Zidane na final da Copa do Mundo, o mesmo que lle chama Acebes a Zapatero, e para moita xente esta é unha palabra maior do noso tempo, unha que xustifica o cabezazo no peito (esperemos que Zapatero non pense así). «Algo moi grave tivo que dicirlle Materazzi» din os fans de Zidane (entre eles a miña moza), e estes son tantos e algúns deles tan influíntes que a FIFA di agora que vai abrir unha investigación «en torno ás circunstancias» da expulsión do astro francés. ¿Circunstancias? Agrediuno e mil millóns de persoas o viron. Esas son as circunstancias. Pero igual que hai violencia de xénero e tamén de número (Stalin), existe a violencia de caso gramatical, que é a que depende da relación entre suxeito e obxecto. E Zidane é un suxeito moito máis importante que o obxecto, neste caso o tal Materazzi. É importante para os seus fans, que esperan del que sexa perfecto en todo (no fondo, son máis crueis con el que os seus detractores), e é máis importante aínda para a FIFA, que sabe que o seu negocio non é o deporte senón a mitoloxía. Por iso abre esta investigación na que intentará atopar unha xustificación que restaure a orde cósmica. É interesante ver este proceso polo que a agresión máis vista da historia vai encontrando xa atenuantes («a presión do partido, a lesión¿»), axiña atopará xustificacións («foi peor o que lle dixo o italiano ese»), e antes ou despois acabará sendo celebrada («fixo ben»). Naturalmente, sería moito máis fácil que Zidane recoñecese que obrou mal e que os seus fans lle profesasen unha admiración máis laica, aceptando que ata Zeus tiña un mal pronto. Pero aos seres humanos non nos gustan os outros seres humanos, e se entende, porque de eses xa hai moitos. Así que, para preservar os nosos soños de inmortalidade, teremos que poñer de novo en marcha a vella máquina de crer: os lectores de labios descubrirán o horror das palabras de Materazzi, un misterioso vídeo caseiro mostrará un ángulo desde o que, sorprendentemente, é Materazzi quen lle zosca a Zidane. E un día erguerémonos pola mañá fregándonos os ollos e constatando que a verdadeira proba de fe non é crer sen ver, senón non querer crer o que se ve.