43 grados á sombra

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

14 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO a febre sube a corenta grados os médicos recomendan baixala por medios tan drásticos como o de somerxer o corpo do doente en auga case fría, cousa que eu nunca me atrevín a facer, pero que é preferible a deixar que o organismo sufra os efectos desa temperatura. ¿E que ocorre cando a calor exterior é de corenta e tres grados á sombra, como na veiga de Antequera, dende a que escribo estas liñas? Non sei como viven en Mollina, a vila de Málaga onde está encravado o centro internacional da xuventude no que estou impartindo un taller de narrativa. Gustaríame saber se todas as casas teñen coma nós un aire acondicionado que funciona día e noite, se disfrutan destes patios rodeados de laranxos, limoeiros e palmeiras, se os camiños están bordeados de adelfas e de plantas con flores, cun rego automático que mantén húmida a terra pese ao calor abafante... Sospeito, polo pouco que puiden ver, que non é así. E pregúntome como é a vida cotián da xente que ten que soportar a pelo unha temperatura de febre alta . Na televisión saíu estes días un obreiro da construción, un home novo, que á pregunta do entrevistador sobre este tema respondeu: «Faise o que se pode». E o que se podía era ben pouco. A corenta grados á sombra non se pode traballar, nin física nin intelectualmente. As ideas esvárense e a vontade esmorece. O testarazo de Zidane provoca máis comentarios críticos e máis interpretacións que os alardes de chulería de ETA, ou a folga dos pilotos de Iberia, insolidaria como é habitual nese colectivo privilexiado, ou o discurso de Benedicto XVI, que fala da familia tradicional como se as outras non estivesen formadas tamén por fillos de Deus... Acabado o Mundial de fútbol, que concentrou as derradeiras enerxías deste caloroso verán, todo o demais recíbese como algo inevitable, contra o que é inútil loitar. Quizá sexa efecto dos corenta grados ou quizá a calor non fai senón aumentar unha preguiza e unha resignación seculares xa denunciadas por Larra.