BIEITO XVI, o panzercardinal que chegou a converterse no «papa profeta do amor», chega a España nunha situación dramática, coa que non se contaba unha semana antes. Pensábase que os problemas ían ser a gran concentración de xente, as relacións tensas co Goberno ZP pola presunta «lixeireza moral» de algunhas leis recentes, ou as manifestacións dos gais e os movementos críticos da Igrexa. Pero a realidade complicouse coa meirande traxedia de metro en España, na mesma cidade da visita. Entre as imaxes destes días, teño agora presentes dúas que creo van condicionar decisivamente a visita. A primeira é a dun cirio coa imaxe de Bieito XVI aceso na entrada da estación do metro chamada Jesús, hoxe tristemente célebre. A segunda, os crespóns negros nas bandeiras vaticanas que xa penduraban de algunhas fiestras e balcóns da cidade. Dúas imaxes da presunta ou real «católica España», que se prepara para recibir ao novo papa en olor de multitudes, como fixo co anterior. Teño presente, tamén, unhas verbas recentes que lin estes días: «Agora que Bieito ven a Valencia e ti, Karol estás aí, nos ceos¿ dille a Bieito que o de Valencia non debería ser isto que se está preparando. Que non faga estas cousas máis, por favor» ( Karol Wojtyla que estás en los cielos , en Eclesalia, 16/06/06). Estas verbas eran expresivas de outra parte da Igrexa moi crítica co evento, que califica de «papolatría». O seu lema é Nós non te esperamos . Esta Igrexa -hoxe baixo o nome de Redes Cristiás- non dubida en calificar a viaxe como desmesurada, utilizada polo Goberno valenciano como propaganda electoral, e pola xerarquía eclesiástica para demostrar a «boa saúde» da Igrexa española ou denunciar a política de Goberno ZP, que «destrúe a familia» e a «indisolubilidade da patria». Fronte á que consideran unha visión reductiva da familia, eles recoñecen a diversidade familiar como algo lexítimo. Bieito XVI presentouse o día da súa elección papal como «humilde xornaleiro da viña del Señor». Creo que esta viaxe, en calquera caso inevitable, debería ser aproveitada por el, non como una crítica ideolóxica ao Goberno e á sociedade, senón como unha afirmación da fe cristiá no Deus de vida, no Cristo Resucitado que vence a morte. Por iso, a misa conclusiva do Encontro Mundial das Familias, que o Papa debe presidir o próximo domingo, debe ser ante todo un funeral; non á vella usanza -de negro ou morado-, senón de branco, a cor da Pascua, a cor da Resurrección. Sería a mellor maneira de responder nesta ocasión ao lema do EMF: A transmisión da fe na familia ; afirmando a vida nun mundo de morte.