É TEMPO de ameixas. Chega xullo lindo con calores, ondas de calor, calores con río e piscina, calor con praias e cervexa de chiringuito. Mes de Rodríguez sen señora, esa figura machista e casposa. Esta España en xullo é máis folclórica, máis cañí, máis feira de abril: país de Los Toros (non existe tradución ao galego) e castañolas. En xullo paramos por fatiga, excepto os políticos, que fan campaña entre o congreso de area e o senado casarrural. Os políticos, menos en Montes, viven decentemente cando chega o verán. Hai meses un deles, altísimo cargo, dixo que agardaba estas datas para ler novelas. O resto do ano, parece ser, lía informes e Dogas e Boletíns. Triste experiencia a dos políticos que só poden ler en estío. Polo tanto, prego Señor Presidente, habilite tempo para que aqueles que nos dirixen posúan horas libres. Non só en verán, senón no resto do ano. Pero, como xullo aproxima os seus dedos, non quero incordiar. Lean, políticos. A ficción fainos libres. Máis libres que os parlamentos, onde a arte da palabra é menos artista e máis pedestre. O ano parlamentar foi tristísimo. Para olvidar. Martínez Pujalte e o seu grupo non merecen monumento. Pero, reitero, non vou incordiar. É tempo de ameixas.