Escusas

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

ESCRITO EN CAFETERÍAS

23 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A POLÍTICA é en grande parte a xestión da escusa. Un debe dispoñer dunha mente áxil que invente unha xustificación en calquera momento. É importante ter un bo programa, certo, pero máis importante é unha boa coartada a tempo e o político bo de verdade non é tanto o que fai as cousas ben como o que as xustifica ben. Por iso ten habido tantos responsables políticos que antes foron irresponsables adúlteros, espías ou avogados, e nalgún caso ata as tres cousas. Son actividades que aprenden a inventar escusas e sostelas perante o tribunal da opinión pública coa serenidade dun don Tancredo. Por exemplo: Ese responsable israelí que saía a semana pasada explicando a morte nunha praia de Gaza dunha familia palestina durante un bombardeo da mariña de guerra hebrea. «Foron eles mesmos, os bañistas», dixo tranquilamente á prensa. «Os nenos soterraron unha mina e logo se subiron a ela», explicou. Só para amolarlles a eles, ós israelís. No mesmo momento en que ese home pronunciaba estas palabras, a súa Forza Aérea xa estaba matando outros once civís máis. Pero deu igual. Ó día despois aí estaba outra vez o mesmo tipo, impasible. O único que se lle notou foi o xesto case imperceptible de colocarse o topete. Máis exemplos: «É un truco para espertar simpatías», dixo unha muller do Departamento de Estado tamén a semana pasada. Referíase ó suicidio de tres presos en Guantánamo que lograran aforcarse na cela con farrapos de sabas. «É unha hábil operación de relacións públicas», dicía con admiración esta muller que, precisamente, se dedica ás relacións públicas. Quen sabe se algún día ela tamén se aforcará para amolar ós terroristas. Quen sabe se o responsable israelí, o día que non saiba xa que dicir, soterrará unha mina na area e a pisará para que lle creamos. Esperemos que non. E nunha cousa en cambio levan razón tanto un como a outra, o tipo de Tel Aviv e a muller de Washington: esas mortes na praia e na cela espertan a simpatía dalgunhas persoas. Pero non é unha simpatía ideolóxica. É algo á vez máis fondo e máis superficial. É un sentimento devalado que antes se coñecía vulgarmente co nome de piedade e ten esa característica física: que é case impermeable ás escusas.