Nos chaos de Amoeiro

OPINIÓN

23 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

COIDO que foi Augusto Pérez Alberti, compañeiro de facultade noutrora, hoxe xeógrafo excelso, quen por primeira vez me ensinou este lugar dende as alturas que marcan as bocarribeiras, case na fronteira do ceo. Recórdamo agora o amigo Saco, mentres lle vai poñendo un nome a cada cousa: os chaos de Amoeiro, debruzado contra a luz de Occidente; ao fondo: a serra da Martiñá; alá embaixo: o Barbantiño e mais o Viñao, afluentes do Pai Miño... Podemos subir dende a Cruz de Arrabaldo ou pola vella costa de Canedo dende Ourense, apertada e asfaltada nestes tempos, aínda que se lle prohibe o paso aos camións, antes camiño romano. Hai que facer varias paradas para non perder o folgo. Tamén se pode un achegar polo Carballiño, se se vén dende Pontevedra, ou polos altos de Cea, se o viaxeiro trae os aires de Santiago... Entre soutos de castiñeiros en flor e vizosos cadoiros de rosas a aganchar polos valos das hortas todas, velaí a parroquia luminosa de Trasalba. Di o cantar: «¡Trasalbiña, viva viva! ¡Trasalbiña, viva ben! Trasalbiña ten a sona de cantar e bailar ben». E mais engade: «En Trasalba temos un pazo, e no pazo un cabaleiro, e no medio un merlo mouro que asubía nun loureiro...». Don Manuel, o señor alcalde, sabe a canción enteira, que é popular e, coma tantas outras, fala de mozas garridas e namoradeiras. O grupo Milladoiro, a quen este ano homenaxeamos coa concesión do Premio Trasalba, o premio da Casa de don Ramón (Otero Pedrayo), un dos territorios simbólicos da nación dos galegos, deulle unha volta nova á vella cantiga e recreou para a ocasión o tema tradicional: viño novo en pipas vellas. Cada ano reunímonos en Trasalba os amigos de Otero Pedrayo (os amigos todos da lingua e a cultura do país) para lembrar a memoria do vello patriarca. Cada ano, por estas datas de San Xoán, acoden aos chaos de Amoeiro mozos e menos mozos, homes e mulleres de Galicia para xuntárense e facer festa arredor de don Ramón, o vello señor de Trasalba (máis señorío de amor que de herdanzas). A Galicia nova entra da man da Galicia vella (os netos da man dos avós) entre músicas de ferreñas, pandeiretas e gaiteiros, chiflos e tamborís. Mais tamén a cítola antiga, a guitarra acústica, o sintetizador, os teclados electrónicos, a mesa de mezclas, que o futuro é cousa viva, non letra de museo, moito menos melancolía. Entre as vides e as espadanas, entre os matos de chuchamel e os máxicos loureiros, canta o merlo.