DE NENO, á hora da poucaluz, prefería libros con piratas. Lembro as escaleiras de pedra onde agora fan botellón. De cando en vez, como un xubilado, sento nelas para pensar. Contemplo o mundo. A política vil, o totalitarismo dos móbiles, os nenos en fin de curso, os camaradas do barrio. Todos pasean coa cabeza baixa. O barrio é un barrio estraño: de nenos que non quixeron crecer. Viven entre dous mundos: a desesperanza e o presente. Nas rúas do meu barrio acenden as luces á hora da poucaluz, co solpor. Está contento o meu barrio. Eu, como unha ironía, penso en Fenosa. O titular do periódico sinala que Fenosa acepta falar coa Xunta. Todo isto provoca en min certa sensación de desánimo: ¿para que falar despois de tantos anos? ¿Quedaremos os galegos, unha vez máis, con cara de inxenuos (hai outros substantivos)? ¿E se nos compensan agora, por que non nos compensaron antes? O país dos mil ríos, como dicía Cunqueiro, exporta pero non cobra. Talvez sexa este o noso destino: non cobrar, non avanzar rápido, non correr a ningunha parte. Quedar como estamos. Eu, nas escaleiras do meu barrio: cheo de cristais, e botellas, e tabaco. Buscando a hora da poucaluz para perderme. En barrio melancolía. Como un pirata...