Revolta veciñal en Nigrán

OPINIÓN

OS VECIÑOS seguramente non teñen razón para actuar como o fixeron diante da casa do concello de Nigrán. Mais compre reparar en por que o fixeron. Por que un montón de xente, moitos deles xubilados, quixeron paralizar a aprobación do Plano Xeral e recurriron ao vello procedemento de apedrar o consistorio e mesmo de queimar unha copia do documento en cuestión. Actuaron seguindo unha vellísima práctica: dende os irmandiños que derrubaron castelos, aos campesiños da Revolución Francesa que prenderon lume aos arquivos nobiliarios. Non hai ningunha novidade na acción: actuaron como se fixo sempre, máis ¿como explicar unha acción tan contundente? Seica protestan porque queren construír como ata agora ou porque se sinten enganados polos que toman decisións, din as informacións. Para facer algo así ten que ter habido previamente unha especie de ximnasia de revolta. Unha práctica previa instalada na memoria que lles permita rachar cos límites habituais e ir máis alá na protesta. De certo que xa os seus avós fixeron este tipo de cousas. Ben é verdade que unha masa enfadada -manipulada, di o alcalde- frustrada e nun día de calor pode facer o que fixo. As acusacións veciñais apuntan á falla de transparencia e de equidade no acceso á información e máis no acceso á posibilidade de construír. Insístese en que grupos inmobiliarios contaron con información privilexiada para mercar terreos alí onde segundo o plano aínda non aprobado se poderá construír no futuro. Un plano que sitúa as principais áreas a urbanizar na beiramar, xusto onde máis sensíbel é o territorio, máis impacto ten a urbanización e máis dividendos asegura o desexo urbanita de residir. Esa concentración da construción na costa fai que se restrinxa enormemente a posibilidade de construír no interior, onde tradicionalmente se asentan as poboacións e onde viven a maioría dos veciños. Non se sabe en rigor que haberá de certo nas nefastas consecuencias que se auguran de ser aprobado o actual plano nin nas acusacións que circulan. Do que non cabe dúbida é de que o plano era coñecido de forma irregular, como o proba que os veciños tivesen no seu poder unha copia para queimar. Tamén é obxectivo que por tratarse dun concello veciño de Vigo está na liña directa da expansión construtiva da grande cidade e sofre iso que se deu en chamar presión urbanística. A expansión tamén é política: o propio alcalde fóra no pasado concelleiro en Vigo. Un alcalde que goberna apoiado por un grupo independente liderado por outro antigo alcalde que tivera que deixar o seu mesmo partido no pasado. Varios concelleiros e dirixentes veciñais do BNG que denunciaran especulacións inmobiliarias sofreron agresións nos seus bens e os concelleiros dos PSOE son acusados pola Alcaldía de provocar a revolta. Quen toma as decisións, cantos participan nelas e quen ten a información non é irrelevante neste asunto. E consta, por outros casos, a capacidade de engano e influencia dos especuladores ¿Non si?