Aramida

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

ESCRITO EN CAFETERÍAS

24 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MOITOS DOS chalecos antibalas que se usan no mundo proceden de Bogotá, onde, comprensiblemente, se desenvolveu unha industria local baseada no medo a morrer dun disparo. Así son as cousas e a desgraciada Colombia, que empezou como un feliz país de ollos verdes onde a terra daba esmeraldas como puños, é agora unha barriada perigosa de América do Sur e produce unha artesanía de traxes típicos nos que o material non é o liño nin o algodón senón o kevlar, que é o tecido máis forte que se coñece. Entre todos eses talleres que abasten un amplo mercado de policías e delincuentes, de soldados e xornalistas, de víctimas e asasinos, destaca a boutique de Miguel Caballero, onde se fabrican réplicas de traxes a base de aramida, outro material antibalas que ven de Holanda e que é tan duro como o kevlar dos pobres, pero suave e lixeiro como os tulipans. A casa Caballero ten unha estraña política de empresa, consistente en que todos os empregados, completadas as prácticas, teñen que poñerse un dos traxes que fabrican e deixar que o garda de seguridade lles dispare directamente no corazón. Marx tería contemplado estupefacto esta metáfora das relacións capital-traballo, na que o obreiro, literalmente, se fai fusilar polo patrón. O caso é que durante o recente cumio euro-americano de Viena, fixábame eu nos traxes. Porque en Miguel Caballero é onde compran a roupa os presidentes suramericanos. Así como Tony Blair, Vladimir Putin e Bill Clinton visten en Saville Road de Londres (tamén alí lle confeccionaban a Arafat os seus uniformes), Hugo Chávez, Ernesto Uribe e Lula da Silva visten en Caballero Ltd., o Saville Road dos líderes de países violentos. Nas fotos de Viena todos parecían igual de elegantes, porque Caballero cose imitando a Armani (tamén está suxeito á moda, mesmo á moda da munición, que cambia aproximadamente cada cinco anos). Si, o corte era igual, pero un cego podería distinguir ao tacto os presidentes de países pobres e países ricos. Chávez, Uribe, Lula¿ Pensarán distinto pero os tres visten de aramida, e os noventa e dous deseños que fabrica Caballero son como as noventa e dúas maneiras de ser suramericano hoxe en día. Pensaba eu niso. Niso e en que mentres falaban e discutían en Viena, nun faiado de Bogotá un becario se facía pegar uns tiros para probar o modelo que van levar eles na próxima lexislatura.